Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

REMATARON AS OBRAS DE MELLORA EN CATRO CAMIÑOS RURAIS E DÚAS RÚAS, CUN TOTAL DE 2KM DE FIRME RENOVADO

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira aprobou recentemente a certificación final das obras de mellora dos firmes nos lugares de Mundín, As Bieiteiras, Santallamar e Vilacacín e nas rúas C. Ponthus e Cuartel, que se executaron por un presuposto de 127.653,48€ financiado con cargo ao POS+2023. A actuación supuxo a renovación do firme en máis de dous quilómetros de percorrido sumando os camiños de titularidade municipal en zona rural e as dúas rúas da zona urbana.

Dous dos camiños rurais nos que se actuou están na parroquia de San Xiao de Montoxo: son os viais que unen a AC-566 cos núcleos das Bieiteiras e Mundín. O primeiro ten 404 metros de percorrido lineal e un ancho medio de 2,70 metros, mentres que o segundo suma 493 metros e 190 dunha bifurcación, cun ancho medio de tres metros.

O camiño de Santallamar tamén foi obxecto destas obras de mellora. É un vial de 415 metros de lonxitude que une o paseo marítimo de Cedeira con dito núcleo de vivendas, na parroquia de San Fiz de Esteiro. Pertencen a Santa María de Cedeira o resto dos viais nos que se fixeron as melloras. O de Vilacacín, que ten 305 metros de lonxitude, así como as rúas C. Ponthus, nos 225 metros que discorren paralelos ao río Condomiñas, e Cuartel, que percorre uns 65 metros entre a avenida da Area e Zumalacárregui.

En todos os casos os traballos consistiron no perfilado das cunetas e na extensión dunha nova capa de asfalto. En varios dos viais tamén se ampliou a plataforma para garantir un ancho uniforme e algo superior ao actual en todo o percorrido, mellorouse a recollida de pluviais e revisáronse a afección dalgunhas raíces das árbores para que non alteren a estrutura do firme.

Back to top