A REUNIÓN DAS MARISCADORAS DE CEDEIRA CO NOVO DIRECTOR XERAL SÓ SERVIU PARA EXPOR A GRAVE SITUACIÓN
A representación das mariscadoras da ría de Cedeira reuniuse onte en Santiago co recén nomeado director xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, David Gómez Brandariz, para abordar a situación crítica na que están os bancos e, por conseguinte, a falta de viabilidade económica do colectivo. Foi a primeira reunión de traballo do responsable, apenas un día despois da súa toma de posesión, e segundo explicou o colectivo, o encontro non serviu moito máis que para expoñer o problema pero non para debullar ningunha solución concreta.
Ao encontro acudiron a vicepatroa segunda da Confraría de Pescadores e presidenta da agrupación de mariscadoras, Susana Bellón, e a secretaria da agrupación, Raquel Ramos; así como a secreataria da Confraría de Pescadores de Cedeira, María Rodríguez, e o biólogo do pósito, Santiago Pereira. Por parte da Consellería, xunto con Gómez Brandariz, participou no encontro Alexandre Piñeiro, director territorial de Pesca en Celeiro, e outro técnico da Consellería.
Houbo ocasión de que o biólogo da confraría presentara datos da mortandade do berberecho e a ameixa, e do nulo resultado das sementeiras que realizaron ultimamente as mariscadoras. O colectivo reclamou unha investigación a fondo para determinar as causas da extremo declive produtivo que sufriu a ría de Cedeira e a adopción de medidas e, neste eido, falouse no encontro da necesidade de facer un estudo da situación do sustrato.
O responsable autonómico, segundo comentaron as mariscadoras, recoñeceu que no que queda do presente ano xa non vai ser posible establecer ningún convenio para confiarlles traballos de rexeneración que palíen a súa situación económica. De cara ao 2027, suxeriu que o colectivo diversifique e presente plans de explotación doutros recursos como o poliqueto, o bígaro ou o cangrexo.
A falta de valorar con máis calma a situación, na vontade das mariscadoras está loitar pola súa actividade e, no inmediato, presentar á Consellería eses plans de explotación alternativos que poidan darlles viabilidade a medio plazo, mentres non volven os berberechos e as ameixas, o marisco que tradicionalmente lles ocuparon. Doce mulleres forman o colectivo das mariscadoras da ría de Cedeira, algunhas delas xa esgotaron o paro e urxe unha fórmula que lles permita manter a ocupación e seguir pagando os seus seguros sociais.