TRECE ESTABLECEMENTOS HOSTALEIROS DE CEDEIRA PARTICIPAN NO “TAPAS DE OUTONO” ESTA FIN DE SEMANA
Trece establecementos hostaleiros de Cedeira participarán esta fin de semana na sétima edición do certame “Tapas de Outono” que promove o Concello. Desta volta, o concurso chega precedido dunha mostra de cociña que se vai desenvolver esta tarde, a cargo do restaurante O Pozo de Cambre, e reforzado como experiencia festiva co sorteo dun total de 15 cestas, valoradas cada unha delas en 100€, e música pola rúa.
Así, a sala Áncora acollerá hoxe, ás 19.00h, unha mostra de cociña a cargo de Arantxa Jiménez e Jorge Vázquez, do restaurante O Pozo. Os responsables do prestixioso local de Cambre cociñarán en directo e amosarán ao público as técnicas, os ingredientes, a presentación… ofrecendo así unha experiencia gastronómica diferente. A cita está aberta a todas as persoas interesadas.
O certame “Tapas de Outono” desenvolverase do 13 ao 15, no servizo de noite do venres, nos do mediodía e da noite do sábado e no de mediodía do domingo. Bar A Peixeira, Restaurante Brisa, Finca A Nogueira, Mesón O Mesón, Taberna Praza do Peixe, Restaurante Os Cantís, Ópale Lounge Bar, Restaurante Aldebarán, Gastrobar O Amanexo, Bon Pé Taberna, Amora Café Brunck, Bar Galiforna e Esmarxa Café Bar son os establecementos que participan no concurso e que ofrecerán os seus petiscos ao prezo de 3€.
O público que deguste as tapas poderá votar e entrar no sorteo dunha cea no establecemento que resulte gañador, como é habitual en cada edición. A maiores, o Concello de Cedeira reforza o atractivo do certame aportando unha cesta valorada en 100€ a cada local participante, para que as sorteen entre a súa clientela, así como outras dúas cestas, tamén facilitadas polo Concello, que sorteará o comercio entre as persoas que realicen compras estes días.
Nos establecementos do “Tapas de Outono” haberá tarxetas para que o público poida acreditar que probou cada petisto e votar, cando teña probado alomenos a metade das propostas, aquelas que considere mellores. Deberán adxudicar tres, dous e un voto ás preparacións do seu agrado e depositar a tarxeta nalgunha das caixas que estarán a súa disposición nos establecementos.
Tamén como novidade este ano, as rúas de Cedeira estarán animadas o sábado coas charangas Bicoia e BMVC, e o domingo pola asociación Buxainas e a charanga Santa Compaña.
