CONCELLO DE CEDEIRA PROMOVE UNHA SEMANA DE HÁBITOS SAUDABLES ENTRE O ALUMNADO DO CEIP NICOLÁS DEL RÍO
No marco do proxecto «Cedeira – Mar de vida», o Concello de Cedeira está a desenvolver durante esta semana unha programación especial de actividades saudables co alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria do CEIP Nicolás del Río. Ao longo de cinco días, as rapazas e rapaces participarán en sesións formativas, propostas de actividade física e rutas polo territorio co obxectivo de fomentar hábitos de vida saudables desde idades temperás.
A iniciativa parte da importancia de promover un estilo de vida activo e unha alimentación equilibrada, dous piares fundamentais para o benestar físico e emocional. Para iso, o programa combina a adquisición de coñecementos sobre nutrición coa práctica de exercicio físico e a valorización dos produtos locais e de proximidade, poñendo en relación a saúde das persoas cos recursos naturais, alimentarios e paisaxísticos que ofrece o municipio.
A programación arrancou o luns con sesións centradas na actividade física e no deporte como ferramentas para mellorar a saúde e o benestar. Isidro Alonso, graduado en ciencias da actividade física e o deporte e dono do centro de adestramento local IB, foi o encargado de achegar ao alumnado diferentes alternativas para manterse activo e ofrecer pautas prácticas para incorporar o movemento á vida cotiá. A finalidade é que as e os participantes descubran opcións adaptadas ás súas posibilidades e comprendan a importancia de reducir o sedentarismo desde a infancia.
Hoxe martes e o mércores é a quenda da alimentación saudable, con sesións impartidas por Alicia Villegas, nutricionista e profesional do Racing de Ferrol. Nestas xornadas abordarase a importancia dunha dieta equilibrada, o coñecemento dos alimentos e a adquisición de hábitos nutricionais axeitados. Prestarase especial atención ao valor dos produtos frescos, locais e de tempada, así como ao papel que desempeñan na alimentación diaria e na promoción dun sistema alimentario máis próximo e sostible.
O xoves e o venres, o alumnado sairá das aulas para trasladar á práctica os coñecementos adquiridos durante a semana. A través de rutas polo territorio, combinaranse o exercicio físico, o contacto coa contorna e a posta en valor dos recursos locais. Estas actividades permitirán descubrir o municipio desde unha perspectiva saudable, fomentando ao mesmo tempo o respecto polo medio, o coñecemento do patrimonio próximo e a incorporación de hábitos activos no tempo de lecer.
As rutas incluirán unha visita ao restaurante local Badulaque, onde Manuel Ramonde, rexente do local, recibirá o alumnado para amosarlles o traballo diario arredor dos produtos de proximidade. As e os escolares poderán coñecer de primeira man que produtos empregan na cociña, como chegan ata o restaurante e cales son as técnicas de preparación máis axeitadas para aproveitar as súas propiedades e calidades. Esta experiencia busca achegar a alimentación saudable á realidade cotiá, poñendo en valor o produto local e o papel dos establecementos hostaleiros na promoción da gastronomía e da economía de proximidade.
Con esta semana de actividades, «Cedeira – Mar de vida» aposta pola educación para a saúde a través de experiencias participativas e próximas á realidade do alumnado. A combinación de formación, movemento e coñecemento do territorio pretende contribuír a que as novas xeracións incorporen hábitos beneficiosos para o seu desenvolvemento, ao tempo que descubran os recursos locais como aliados para unha vida máis activa, equilibrada e sostible.
O proxecto «CEDEIRA MAR DE VIDA: Promoción do produto mariñeiro como fonte de saúde e hábitos de vida saudable» foi impulsado polo Concello de Cedeira e conta co financiamento do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e a Consellería do Mar, a través das axudas xestionadas polo GALP A Mariña-Ortegal.