Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

OS CONCELLOS DE CEDEIRA E VALDOVIÑO SUMAN O SEU APOIO AO COLECTIVO DAS MARISCADORAS

O consistorio de Cedeira acolleu unha reunión de traballo, entre representantes dos concellos de Cedeira e Valdoviño e da Confraría de Pescadores de Cedeira, para abordar a grave situación que sufre o colectivo das mariscadoras pola nula produtividade dos bancos. Acordouse instar unha investigación da causa, unha ou moitas, que está a provocar a morte dos berberechos e a ameixa, ao tempo que se requiren outras medidas para apoiar ao colectivo. As partes teñen intención de repetir o encontro o vindeiro día 13 de novembro, data na que poderá participar tamén a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, María de los Ángeles Vázquez Suárez.

A crise dos recursos marisqueiros da ría de Cedeira comezou xa en 2024, e persiste ata hoxe agás en moi puntuais momentos de recuperación. Na actualidade, a situación é que non hai produción e as mariscadoras están paradas. A Xunta de Galicia declarou o cese a comezos de ano, o que permitiu ás traballadoras pasar a cobrar o desemprego, pero a preocupación aumenta co paso do tempo pola falta dunha solución e a evidencia de que van a esgotar o paro. Algunhas delas xa quedaron sen dereito ao cobro da prestación por desemprego e comezaron a pagar a cuota de autónomas, sen actividade que lles reporte ningún ingreso.

Segundo explicou Susana Bellón, as doce mulleres de Cedeira e Valdoviño que conforman a agrupación de mariscadoras realizaron xa varias sementeiras cun resultado desolador. Nin a almexa, nin tampouco o berberecho, que era o seu principal recurso, prosperan.

A reclamación do colectivo é en primeiro lugar que se adopten as medidas necesarias para recuperar os bancos e dotar de futuro ao sector. Recordan, neste sentido, que a ría de Cedeira está declarada “Reserva Mariña de Interese Pesqueiro” desde o ano 2009, un título que debería asegurarlle unha especial protección. No inmediato, requiren dun convenio ou dalgunha fórmula que lles garanta a viabilidade económica, a través da realización de traballos de recuperación.

Na reunión participaron os alcaldes de Cedeira e Valdoviño, Pablo Diego Moreda Gil e Alberto González Fernández; a primeira tenente de alcalde, María Xosé Pernas Díaz, e a concelleira Carmela Prieto, da corporación cedeiresa, así como o concelleiro Germán Gómez, de Valdoviño, xunto coa vicepatrona segunda da Confraría de Pescadores de Cedeira e presidenta das mariscadoras, Susana Bellón; a secretaria da mesma agrupación de mariscadoras, Raquel Ramos; a secretaria do pósito, María Rodríguez, e o biólogo, Santiago Pereira.

Back to top