Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO PEDIRÁ APOIO PROVINCIAL PARA SOSTER A ACTIVIDADE DO CLUB NATACIÓN CEDEIRA DURANTE AS OBRAS NA PISCINA

O pleno do Concello de Cedeira aprobou onte, en sesión extraordinaria e coa maioría absoluta do grupo de goberno, solicitar á Deputación da Coruña unha subvención nominativa para garantir a continuidade da práctica federada de natación e triatlón durante o peche temporal da piscina municipal, xunto coa memoria da Alcaldía que recolle as razóns de interese público, de carácter deportivo, social e económico, que sustentan dita petición. A proposta abrangue un proxecto deportivo dun ano de duración, ata o terceiro trimestre de 2027, para soster a actividade do Club Natación Cedeira. O custo é de 48.780€.

A memoria xustificativa preparada polo goberno municipal para solicitar o apoio da Deputación explica que, como consecuencia do peche da piscina municipal polas obras de ampliación que se están a levar a cabo, os e as deportistas do Club Natación Cedeira teñen que desprazarse diariamente ao concello de Cariño para realizar os seus adestramentos naquela piscina. Apunta tamén que a entidade sufriu baixas pola situación, co conseguinte recorte de ingresos.

A proposta do Concello de Cedeira pasa por concederlle ao club unha axuda de 48.780€ para soportar un proxecto deportivo, dun ano de duración, que abrangue os salarios e cotizacións das persoas adestradoras, o aluguer e gastos dunha furgoneta para os desprazamentos a Cariño, os desprazamentos a competicións oficiais, o pago do aluguer da piscina de Cariño, os gastos derivados da organización de dúas competicións deportivas en Cedeira, o pago de licenzas, gastos de xestoría e material deportivo non inventariable. Segundo o aprobado hoxe no pleno, vaise solicitar á Deputación da Coruña unha subvención nominal que cubriría o 80% do importe (39.024€), mentres que o 20% restante correría a cargo da administración municipal.

No mesmo pleno realizouse o sorteo das mesas electorais para os comicios do vindeiro 29 de novembro e aprobouse a incorporación de 242.604,41€ procedentes da achega provincial do POS+AD 4/2026 ao capítulo de gastos correntes do presente exercicio.

Back to top