ENTREGA DUNHA NOVA PARTIDA DE COMPOSTEIROS DOMÉSTICOS
O concello de Cedeira segue apostando pola compostaxe doméstica, desta volta en colaboración con Sogama, entidade que cede os composteiros co obxectivo de acadar unha xestión máis sostible dos residuos .
No día de onte, entregáronse 30 composteiros á veciñanza que así o solicitou. Ademáis do propio dispositivo para realizar a compostaxe, as persoas beneficiarias do programa participaron dunha xornada formativa sobre o funcionamento e mantemento dos mesmos.
Con esta iniciativa, que leva desenvolvéndose desde o ano 2016 e suma xa máis de 300 familias implicadas na xestión in situ dos residuos orgánicos, preténdese reducir a proporción de materia orgánica que remata na bolsa do lixo, e avanzar cara un sistema de recollida e xestión de residuos máis eficiente.
Desde o Concello comunícaselle a toda a veciñanza interesada en participar neste programa que poden solicitar o dispositivo de compostaxe en calquera momento do ano e, ás persoas que xa realizaron a solicitude e non foron avisadas desta volta, que permanecen na lista de agarda para a vindeira convocatoria de entregas.