INFANCIA E ADOLESCENCIA DE CEDEIRA ALZAN A VOZ POLOS SEUS DEREITOS NO CONCELLO E O PARLAMENTO GALEGO
O Concello de Cedeira conmemorará o Día Mundial da Infancia os días 19 e 20, xoves e venres desta semana, cunha programación especial protagonizada polas nenas, nenos e adolescentes que forman parte do CLIA Ondiñas na Vila, o Consello Local de Infancia e Adolescencia. As actividades terán como eixo central a defensa dos dereitos da infancia, a participación nas decisións que afectan á rapazada e o compromiso municipal coa creación de espazos nos que as súas voces sexan escoitadas e tidas en conta.
O xoves 19 de novembro celebrarase un acto no Concello de Cedeira no que as persoas integrantes de Ondiñas na Vila presentarán as súas reivindicacións mediante a lectura dun manifesto colectivo e a exhibición de pancartas elaboradas por elas mesmas.
Durante as últimas sesións de traballo, os grupos de Primaria e Secundaria reflexionaron sobre os dereitos que máis lles preocupan. Entre os temas seleccionados destacan o dereito á vivenda, á saúde, á alimentación, á educación, ao xogo, á identidade e á protección fronte á explotación infantil. Estas preocupacións darán forma a un manifesto no que a rapazada defenderá a necesidade de garantir os dereitos de todas as nenas, nenos e adolescentes, tanto en Cedeira como no resto do mundo. A lectura correrá a cargo de oito representantes dos grupos de primaria do CEIP Nicolás del Río e secundaria do IES Punta Candieira.
O acto incluirá tamén o descubrimento dunha placa na praza do Concello, na que se identifica a Cedeira como Cidade Amiga da Infancia, un recoñecemento concedido por UNICEF España ao municipio no ano 2025. A colocación desta placa permitirá dar visibilidade pública ao compromiso da localidade coa promoción dos dereitos da infancia e da adolescencia e, especialmente, coa súa participación activa na vida municipal. Dito compromiso concrétase, entre outras iniciativas, no traballo do Consello Local de Infancia e Adolescencia, un espazo no que as nenas, nenos e adolescentes poden compartir preocupacións, debater, elaborar propostas e trasladar as súas opinións sobre cuestións que afectan á súa vida e á súa contorna.
A celebración terá lugar na véspera do Día Mundial da Infancia, que se conmemora cada 20 de novembro, coincidindo co aniversario da aprobación da Convención sobre os Dereitos do Neno polas Nacións Unidas en 1989.
A programación continuará o venres 20 de novembro, data na que realmente se conmemora o Día Mundial da Infancia, coincidindo co aniversario da aprobación da Convención sobre os Dereitos do Neno polas Nacións Unidas en 1989. Ese día, unha representación de Ondiñas na Vila nunha actividade que se vai desenvolver no Parlamento de Galicia.
O alumnado participante preparou diferentes achegas para esta xornada. O grupo de Secundaria do IES Punta Candieira traballou sobre o tema «Coidado da contorna e futuro sostible», centrado no dereito da infancia e da adolescencia a medrar en ambientes saudables e na necesidade de protexer o planeta para as xeracións presentes e futuras.