Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA PUBLICA O SEU PLAN ESTRATÉXICO DE SUBVENCIÓNS PARA 2025, QUE SUMA 317.950€

O Concello de Cedeira vén de aprobar e publicar o seu Plan Estratéxico de Subvencións, que ascende ao importe de 317.950€, cantidade que abrangue as aportacións económicas que se fan desde a administración municipal a través de diferentes convocatorias, con ou sen concorrencia competitiva e a través de convenios nominativos. A promoción cultural e os deportes son os capítulos que suman máis contía, seguidos dos servizos sociais.

O eido dos servizos sociais abrangue a subvención de 20.000€ para o programa de emerxencia social, así como a de 10.000€ destinada á asociación Apader e a de 6.000 para Sobre Rodas. O de seguridade e protección civil contempla os convenios nominativos coa agrupación de voluntarios de Protección Civil, que incrementa a súa contía este ano ata os 20.500€, e coa agrupación local da Cruz Vermella, dotado con 3.800€. En materia de salubridade pública, o Concello de Cedeira mantén o convenio de colaboración coa Asociación de Benestar Animal ABAC, cuxo importe ascende a 12.000€.

Outros 17.000€ van ao capítulo de educación. Aquí están os convenios coas asociacións de nais e pais Picapeixe, do CEIP Nicolás do Río, e O Beco, do IES Punta Candieira. A primeira destas entidades recibe 10.000€ e aumenta a aportación da segunda ata os 25.000€, por mor da organización, en colaboración co Concello, dun curso de Atención Sociosanitaria a persoas dependentes.

As subvencións para as entidades ou iniciativas culturais suman 147.000€, mentres que as destinadas aos clubes deportivos ascenden a 60.000€. Cómpre recordar que a cantidade que o Concello reserva para as dúas convocatorias de axudas que fai anualmente en cada un destes apartados incrementou a súa dotación en máis dun 60% a partir do ano 2023.

En canto ás entidades culturais, a través de convenios nominativos o Concello aporta 3.500€ á asociación A Crina; 20.000€ á asociación Mares; 5.500€ aos Amigos dos Ríos, e 11.000€ á Banda de Música Vila de Cedeira. Por medio dunha convocatoria de axudas por concorrencia competitiva se distribúen outros 60.000€. E a Escola de Música Vila de Cedeira recibe, tamén a través dun concurso público, 46.000€. A dotación de 1.800€ para os premios do certame de Pintura Rápida completan este apartado.

Ás festas -a través dunha convocatoria de concorrencia competitiva dotada con 4.000€ e da reserva de 5.590€ para os premios do desfile de Entroido-, adícalles o Concello un total de 9.590€.

O plan de subvencións recolle tamén os 60.000€ para a convocatoria de axudas destinada aos clubes deportivos, que se resolve cada ano polo sistema da concorrencia competitiva, segundo criterios obxectivos.

As subvencións para os grupos políticos municipais con representación no pleno da corporación, que suman 11.400€, completan o programa orzamentario.

Back to top