Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA RECIBE O PERMISO DE COSTAS PARA POÑER EN VALOR OS RESTOS DUNHA FÁBRICA DE SALGADURA

O Concello de Cedeira recibiu xa o permiso de Costas para abordar a posta en valor dos restos da fábrica de salgadura que quedaron á luz coas obras de rexeneración da praia da Madalena. O areal tivo ata sete factorías nas que se preparaba o peixe con sal para a súa conservación, todas desaparecidas entre os anos 1955 e 1960, e o feito de que se destaparan durante a citada intervención vai dar pé a esta intervención, coa que quedarán protexidos e á vista os restos e instalarase panel informativo sobre que supuso aquela industria na vila mariñeira de Cedeira.

Desde a Concellería de Cultura e Patrimonio explican que o que se destapou coas obras foron unhas cimentacións de tres dos muros da planta rectangular dunha daquelas fábricas, concretamente unha liña de quince metros de lonxitude e dúas perpendiculares de sete metros, cunha media de altura de 40 centímetros. Era, concretamente, a fábrica de salgadura de José Soto, co tempo e os cambios de donos chegou a ser máis coñecida na localidade como a do Xenio. Así está documentado no libro “Redes e peixes. Saberes dun mariñeiro”, de Javier Rodríguez Vergara.

A intervención prevista, deseñada polo equipo de Axa Arqueoloxía, consistirá en completar a excavación dos restos, proceder a súa limpeza e consolidación, e engadir dúas fiadas para darlle algo máis de altura ás estruturas e facilitar a súa interpretación. Na mesa informativa que se vai situar xunto aos restos haberá fotografías antigas e unha reprodución dixital de como era aquela planta en concreto, explicación do traballo que se facía nestas fábricas e datos que permitirán valorar a importancia daquela industria.

Trátase de poñer en valor unha parte da historia da localidade, dando a coñecer un patrimonio que explica tamén o que é hoxe o seu sector pesqueiro e marisqueiro, e por tando, a súa realidade socioeconómica. A intervención conta cun presuposto de 5.626,50€ (IVE incluído) e o Concello está xa unicamente á espera de recibir o visto bo de Patrimonio.

Back to top