O CONCELLO DE CEDEIRA ADXUDICA A MELLORA DOS DOUS PARQUES INFANTÍS DA ZONA DE SAN ISIDRO POR 247.000€
A Xunta de Goberno de Cedeira aprobou as adxudicacións das dúas obras de mellora dos parques de xogos situados na zona de San Isidro, o da praza da Constitución e o da área recreativa da Madalena, incluídos na proposta de investimentos do POS+2025. En total, as actuacións custarán preto de 247.000€ e servirán para poñer ao día e ampliar os elementos de xogo, así como os pavimentos destes espazos. En ambos os dous casos concurriron catro empresas ao proceso e o prazo de execución é tamén idéntico, de tres meses.
Por unha parte está o proxecto para o parque de xogo da praza da Constitución, que saiu a concurso cun prezo de 90.879€ e se adxudica por 87.580€. Neste conxunto, destinado á cativada con edades máis temperás, subsanaranse as deficiencias dos elementos actuais, así como da pavimentación. Está previsto colocar un novo chan e pasar dos cinco elementos de xogo actuais a oito, cuxa inspiración será o mar. Así, entre outros xogos, haberá un balancín de cangrexo e outro de balea, por exemplo.
A poucos metros renovarase tamén o parque da área recreativa da Madalena. Alí igualmente renovarase o pavimento de caucho e levantarase a maior parte dos elementos de xogo para reparalos e despois reubicalos. Colocaranse outros novos, entre os que está unha estrutura de barco con máis de 124m2 de planta e un balancín carrusel cuádruple. Ampliarase a superficie que ocupa o parque, dos actuais 343m2 a preto de 415.
O Concello de Cedeira ten tamén en tramitación, con consignación orzamentaria, a renovación integral do parque de xogos da praza Floreal. O espazo actual ocupa 124 metros cadrados, que se ampliará ata os 201 metros cadrados con esta actuación. Instalaranse dúas randeeiras, dous balancíns, unha estrutura de xogo que simulará un barco -coa proa e a popa unidos por unha escada e plataformas a varias alturas e con accesos diferentes- e outra estrutura que simulará a torre de vixiancia dun barco pirata.