CONCELLO E PORTOS CONSENSÚAN A PROPOSTA PARA REVERTIR OS TERREOS DO PASEO DA MARIÑA AO ESTADO
O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, e a primeira tenente de alcalde, María José Pernas Díaz, reuníronse este mércores coa presidenta da Portos de Galicia, Natalia Botana, para consensuar a proposta definitiva que o organismo vai elevar a proposta de reversión ao Estado dos terreos innecesarios para a actividade portuaria. O Concello solicitara en outubro de 2021 a declaración de innecesariedade da franxa litoral que coincide co Paseo da Mariña e que abrangue 4.830m2.
Así, o Paseo da Mariña pasará a mans da Administración Xeral do Estado e logo será cedido ao Concello de Cedeira. A franxa afectada abrangue desde a praza da Marieta ata a Ponte Nova e os xardíns que seguen a liña da costa cada ao Camiño Area Longa. Son zonas axardinadas e alonxadas da actividade portuaria, de cuxo coidado e mantemento, de feito, xa se fai cargo o Concello de Cedeira.
Que estes terreos estean en mans de Portos obriga, na actualidade, a pargarlle taxas a este organismo por usos privados, como son as terrazas dos negocios de hostalería, ou públicos, como pode ser a celebración dun mercadillo ou unha festa. O alcalde destacou que co acordo acadado culmina unha longa tramitación e avanza un proceso que permitirá ao Concello facer uso destes terreos como do resto da zona urbana.
Na mesma reunión, os responsables municipais de Cedeira volveron a insistirlle á presidenta na demanda de que a zona de Portos na localidade conte coa correspondente instalación de saneamento conectada á rede e colectores municipais, garantindo que non se fan verquidos ao mar que poderían estar afectando á calidade da auga da ría e polo tanto ás actividades pesqueiras e marisqueiras. Lembrou Moreda que o Concello leva xa once anos traballando e facendo obras que van mellorando o sistema de saneamento de Cedeira, avanzando na rede separativa, e que durante todo este tempo tamén se presentou esta reclamación diante do organismo en repetidas ocasións.
Tamén volveu o Concello a poñer sobre a mesa a demanda de que Cedeira teña un porto deportivo de entre 60 e 80 amarres, un proxecto razoable e alonxado daquel de 400 que anunciara en 2004 Alberto Núñez Feijóo cando era conselleiro de Política Territorial. No encontro falouse incluso da zona abrigada na que poderían instalarse os pantaláns.