O CONCELLO DE CEDEIRA PECHA AO TRÁNSITO A PONTE DE MADEIRA SOBRE O RÍO CONDOMIÑAS POLO SEU DETERIORO
O Concello de Cedeira informa de que esta mañá procedeuse a cortar o tránsito pola ponte de madeira peonil sobre o río Condomiñas, situada á altura da rúa Ortigueira, despois de que técnicos do CIS Madeira determinasen, nunha visita realizada hoxe e sen agardar polo seu informe, que a estrutura presenta un alto deterioro que pode revestir perigo. Segundo indicou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, os técnicos sinalaron que non é posible o arranxo, polo que o Concello vai proceder canto antes á súa retirada e vai traballar na procura de financiación para sustituila por outra ponte, tamén de madeira, adaptada ás normas actuais en canto a seguridade.
A ponte, que foi construída hai arredor de trinta anos pola Deputación da Coruña, presenta separación entre o taboleiro e os elementos laterais, fendas lonxitudinais e deterioro superficial da madeira. Na visita dos técnicos comprobouse que a degradación chegou tamén ao interior da estrutura, polo que a actuación foi inmediata. O Concello de Cedeira acometera ao longo dos anos varias reparacións, unha arredor de 1995 e outra no ano 2022.