AS OBRAS BUSCAN DEVOLVER Á PRAIA DA MADALENA E O SEU SISTEMA DUNAR ÁS SÚAS CONDICIÓNS NATURAIS
O Concello de Cedeira é consciente do impacto visual e mesmo emocional que poden ocasionar as obras de rexeneración da praia da Madalena, polo que quere recordar os aspectos fundamentais do proxecto e da súa declaración de impacto ambiental. Hai que subliñar que o obxectivo da actuación é devolverlle á praia e ao cordón dunar as súas condicións naturais, que perdeu hai moitos anos como resultado das accións humanas e dos temporais.
O proxecto e a declaración de impacto ambiental foron sometidos a información pública (prazo no cal só un veciño de Cedeira presentou alegacións, mentres que os grupos políticos de Cedeira o aprobaron por unanimidade). Porén, o proxecto tivo moitos engadidos derivados das alegacións presentadas por distintos servizos das administracións públicas con relevancia sectorial (Mar, Medio Ambiente, Patrimonio …). Finalmente, foi aprobado por resolución da Dirección Xeral de Costas en febreiro do 2024, e as obras, promovidas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través da Demarcación de Costas de Galicia, comezaron recentemente.
Os problemas da praia da Madalena remóntanse a décadas atrás. A acción humana, a dinámica erosiva da ría e os temporais provocaron desde hai tempo un importante retroceso na liña de costa. Xa en 2001, mediante a aportación de 150.000m3 de area, tentouse recuperar a praia. Foi necesaria outra aportación no ano 2009. Tras os temporais do 2014 instalouse un valado de madeira sobre os taludes formados para tratar de reducir a erosión na duna, pero en anos posteriores dito valado tamén se veu afectado polo efecto dos temporais e xerouse de novo unha duna inestable na súa zona superior. Non só os temporais, tamén as obras realizadas (no mar e na terra) e a presenza de vexetación colonizadora teñen impedido ao longo dos anos o normal funcionamento do conxunto duna-praia, alterando o equilibrio do ecosistema.
Á vista do anterior, resultou evidente que era precisa dunha solución integral e definitiva. De aí que a Dirección Xeral de Costas deseñara unha proposta para dotar a liña de costa dunha configuración que aporte estabilidade, tanto no areal como no cordón dunar, e protección da zona urbana colindante. As actuacións a acometer son as seguintes:
– Control da regresión da liña de costa e protección da área urbana colindante, mediante a recuperación da función de defensa da praia, dotándoa dunha anchura que permita disipar de forma efectiva a forza das ondadas durante os temporais. Para isto será necesario aportar uns 55.000 m3 de area que permitirán acadar uns anchos de praia seca maiores, nas partes máis afectadas polos temporais.
– Mellora do encauzamento das desembocaduras do río Condomiñas e do Regato de Veiga: para isto é necesaria a construción dun espigón curto de encauzamento na marxe esquerda da desembocadura do río Condomiñas, para dar apoio lateral ao perfil de rexeneración e que terá unha lonxitude de 77m, así como a doutro espigón de madeira de 102m para encauzar o regato da Veiga e dar apoio lateral ao perfil de rexeneración.
– Recuperación do sistema dunar desde o punto de vista estrutural e da vexetación: a reconstrución do sistema dunar require eliminar previamente toda a materia vexetal e o chan xa formado, deixando só o sustrato areoso inferior, libre de restos e de sementes. E isto conleva a retirada das especies arbóreas e herbáceas colonizadoras que, co seu enraizamento, impedían a mobilidade natural da area do sistema dunar. Nas áreas máis densamente ocupadas, estes árbores provocaban, coa caída das follas, un chan rico en materia orgánica que favorecía o desenvolvemento de especies herbáceas e invasoras que alteran o hábitat propio das dunas costeiras.
– Creación de dous novos accesos peonís á praia mediante a construción de pasarelas de madeira.
O Concello de Cedeira quere desmentir a “suposta destrución do sistema dunar” sobre a que se está a xenerar certa alarma social. É precisamente o contrario, as obras van permitir a recuperación da duna co obxectivo de devolverlle a configuración do ano 1956 e nas mesmas se tomaron como referencia as praias do entorno que presentan dunas ben conservadas.
Cabe destacar que ese espazo verde que se foi formando como resultado de accións humanas, e que estabamos acostumados a ver, na realidade contiña un ecosistema que perdera as súas condicións naturais, presentando un avanzado estado de deterioro pola destrución da súa estrutura funcional e dos hábitats asociados a el.
A plantación de especies arbóreas modificaron as condicións naturais e facilitaron a proliferación de especies invasoras. A presenza de zonas sen vexetación debida aos camiños creados pola acción humana para acceder á praia e pasear, así como outras actuacións antrópicas e os resultados dos temporais contribuíron de xeito definitivo a acadar o perfil desnaturalizado que presentaba o sistema dunar da Madalena.
A recuperación da duna leva aparellada tamén a rexeneración da praia, para que poidan funcionar como un conxunto que amortigue os impactos dos temporais e do cambio climático, evitando que a liña de regresión da costa continúe ata chegar ás edificacións.
A pesar de que inicialmente contemplouse só a eliminación das árbores presentes no sistema dunar (necesario para a súa recuperación e posterior normal funcionamento) e a conservación daqueles exemplares máis próximos ao paseo, localizados fóra da área de actuación, estes últimos tamén tiveron que ser talados por presentar problemas de saúde que comprometían a súa viabilidade no tempo e tamén a seguridade cidadá.
Coa intención de seguir conservando unha zona verde que aporte sombra ao longo do paseo e de conservar unha estética parecida á que existía antes das actuacións no cordón dunar, o Concello solicitou autorización á Demarcación de Costas para repoboar con especies arbóreas e arbustivas autóctonas a zona máis próxima ao muro do paseo da praia, fóra do espazo necesario para a reconstrución.