Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

MOREDA RECORDA O VOTO UNÁNIME DO PLENO A FAVOR DO PROXECTO DE REXENERACIÓN DA PRAIA DA MADALENA

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, manifestou a súa perplexidade polas manifestación feitas desde o grupo municipal do PP con respecto ás obras do proxecto de rexeneración da praia da Madalena. Recorda o rexedor que esta é unha actuación largamente demandada, e traballada desde o goberno municipal de xeito participativo e transparente, e que os “populares” coñeceron e votaron a favor do estudo de impacto ambiental e do proxecto na sesión plenaria celebrada o 30 de setembro de 2021, sen tomar a palabra para facer a máis mínima obxección.

O alcalde recordou que o proxecto e o seu estudo de impacto ambiental sometéronse a información pública durante o plazo establecido, un mes no verán de 2021, sen que se presentara ningunha alegación. O comezo do trámite foi publicado na web, no taboleiro de anuncios do Concello e nunha nota de prensa, e posteriormente, ao seu remate, proxecto e estudo ambiental foron aprobados primeiro en comisión informativa e despois no pleno, no que o PP nin tan sequera tomou a palabra para expresar ningún tipo de reparo. “De maneira que minten, porque coñeceron toda a documentación e tamén lle deron o seu visto bo”, dixo Moreda.

Apunta o rexedor que o actual voceiro do PP, Xulio Cribeiro, solicitou ao goberno municipal no verán de 2024 información sobre as alegacións presentadas ao proxecto, ao que se lle contestou que debería dirixirse a Demarcación de Costas, administración responsable do mesmo. Nesa resolución facíase constar que podía presentar un recurso de reposición e, posteriormente, acudir á vía contencioso-administrativa no caso de non estar dacordo. “Pero non presentou ningún recurso”, dixo Moreda, para quen as manifestacións actuais do PP poden responder á falla de comunicación dentro do mesmo partido.

O alcalde explicou que todo o proxecto, así como dito estudo, están publicados coas correspondentes alegacións e contestacións rexistradas no trámite de información pública. Calquera pode consultar a documentación, que está dispoñible na web do Ministerio a través deste link: https://www.miteco.gob.es/es/costas/temas/proteccion-costa/aprobaciones-proyectos/15-0810-aprobacion.html

Avanzou tamén Moreda Gil que o Concello vai emitir unha nota aportando explicacións sobre as obras que se están a realizar e sobre os criterios técnicos que se seguiron para talar varias árbores situadas sobre o sistema dunar, neste proxecto que o Ministerio de Transición Ecolóxica está a executar a través da Demarcación de Costas de Galicia.

Back to top