Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

REMATAN AS OBRAS DE REFORMA DO ANTIGO ESCOLAR DE CORREDOIRA, NOVO ALBERGUE DE TITULARIDADE MUNICIPAL

O Concello de Cedeira ten xa rematadas as obras de reforma do antigo escolar de Corredoira, na parroquia de Cervo, nas que se investiron preto de 145.000€. Xunto co amoblamento, o goberno local ten previsto abordar a continuación o regulamento de usos deste inmoble, chamado a funcionar como un albergue para grupos ou asociacións que estean de visita en Cedeira e no Xeoparque Cabo Ortegal. A antiga escola iniciará así unha nova vida como un elemento importante na man da administración local para contribuír á dinamización turística e económica do territorio.

O antigo escolar é un edificio con 348 metros cadrados construídos, dentro dunha parcela de 821 metros cadrados situada ao pé da estrada provincial DP-2204. A súa construción data de 1962 e en orixe foi unha escola unitaria, porén entre 1995 e 2003 o Concello de Cedeira fixo unha ampliación e mellora do inmoble. En 2013 foi cedido o seu uso á Organización Juvenil Española (OJE), que o empregou para desenvolver alí campamentos. En 2020 o pleno da corporación acordou recuperar o seu uso.

O edificio presentaba problemas de humidade e precisaba a rehabilitación da cuberta e as fachadas, así como a actualización e adecuación do interior. As obras que se levaron a cabo melloraron tamén a accesibilidade e o illamento. O Concello levounas adiante con fondos do POS+Adicional da Deputación da Coruña.

Desde o goberno local apuntan que a intención é que o regulamento de usos do novo albergue de titularidade municipal sirva para convertilo nun recurso tanto para o propio Concello e o Xeoparque como tamén daquelas asociacións de Cedeira, socioculturais e deportivas, que organizan ao longo do ano diferentes eventos.

Back to top