Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O TURISMO ACTIVO REFÓRZASE COMO FACTOR DE DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE PARA CEDEIRA

O verán en Cedeira foi un ano máis un fervedoiro de actividade, animada polos veraneantes habituais e polos turistas que pasan pola localidade, presente case invariablemente nas listas dos lugares máis atractivos para visitar na provincia da Coruña ou na comunidade galega. Destacou unha vez máis o turismo activo, impulsado polo Xeoparque Cabo Ortegal e por programas do propio Concello, e convertido xa nun factor de desenvolvemento sostible e un motor de emprendemento para novas empresas locais. Máis de 3.200 persoas acudiron entre xuño e setembro a facer a vía ferrata “Senda do Santo”; 570 participaron nos programas de sendeirismo e rutas guiadas promovidas polo goberno municipal e 158 acudiron ás xeorrutas por diferentes enclaves do municipio.

Daniel Pérez García, responsable de Orixen Action, unha das empresas que organiza percorridos pola vía ferrata, di que o 90% das persoas que acuden para facer este roteiro polas paredes verticais da Serra da Capelada queda para comer en Cedeira ou en Santo André e que un 15% fica para pernoctar na localidade. Segundo explica o empresario, cada persoa gasta de media uns 50€, de maneira que a vía ferrata que creou o Concello e que comezou a funcionar en 2022 deixa uns 150.000 euros cada verán na economía local. E hai que ter en conta que a vía ferrata está aberta e segue recibindo xente todo o ano, sempre que a meteoroloxía o permite.

O Concello mantivo un verán máis a súa aposta polo turismo activo, no que se encadran tamén dous programas de percorridos guiados que se desenvolveron este verán. Un deles foi “De Ruta”, organizado da man da empresa Portal Norte e artellado arredor de 36 saídas por 6 itinerarios diferentes, entre xuño e setembro. Todos os roteiros foron de inscrición gratuíta e guiados, de maneira que as persoas participantes camiñaron ao tempo que descubrían detalles da historia e o patrimonio da localidade. Das 36 saídas incluídas no programa fixéronse 32 –a meteoroloxía, e so nun caso a falta de inscricións, foron as razóns da suspensión do resto- cun total de 324 persoas camiñando.

Desenvolveuse este ano por primeira vez, tamén promovido polo Concello, un programa de visitas guiadas focalizado no núcleo de Santo André de Teixido, por un lado, e na Cedeira mariñeira, por outro. Sergio Muíño, o guía local responsable dos proxectos de dinamización turística “Eu fun de vivo” e “Destino Cedeira”, foi o encargado de realizar estas visitas, que contaron coa participación de 246 persoas entre finais de xuño e setembro. Un total de 140 realizaron o percorrido por Santo André e as restantes 106 inscribíronse no paseo pola vida mariñeira da localidade. Un 60,5% delas eran de fóra de Galicia, un 2,3% estranxeiras e un 37,4%, galegas.

Ocupan un lugar importante na oferta turística do territorio as xeorrutas, itinerarios para descubrir as particularidades xeolóxicas que convertiron a zona nun dos Xeoparques Mundiais da Unesco. Un total de 84 persoas fixeron a xeoruta de “Praias Negras”, a máis popular, na tempada de verán que foi de 14 de xuño a 15 de setembro. Outras 39 realizaron a ruta do granate; 24 a do cromo e 11 a dos cantís. En total, 158 inscricións.

Ademais, un total de 3.730 persoas pasaron pola Oficina de Turismo de Cedeira para solicitar información nos meses de xullo (1.109), agosto (1.921) e setembro (700). Unha cuarta parte procedían de Madrid, porén despois desta forte presencia, o turismo nacional repartiuse entre cataláns, vascos e andaluces. Un ano máis destacou tamén o número de visitantes procedentes de Burgos e Zaragoza, así como andaluces. Entre os galegos cómpre subliñar aos viaxeiros a provincia de Pontevedra. O servizo recibiu tamén un número importante de xente da propia localidade, que se interesou e participo unas rutas guiadas, así como da contorna.

E un 7 e un 8% das persoas que se achegaron á Oficina de Turismo eran estranxeiras. O persoal técnico do servizo explica que por nacionalidades o grupo máis numeroso foi o de franceses, cos ingleses a continuación seguidos a curta distancia por holandeses e alemanes, dous países que incrementaron este ano a súa presenza. Tamén se achegaron turistas doutros países, como Perú, Serbia Bielorrusia, Venezuela, EEUU, Brasil, Argentina ou Finlandia.

Cómpre sinalar que a nova exposición da Colección Rafael Usero, aberta no propio edificio do Palacete no que tamén está a Oficina de Turismo, recibiu neste primeiro verán 400 visitas. En canto ao Castelo da Concepción, que abriu as portas a partir de agosto, recibiu en total 3.464 visitas entre dito mes e o de setembro.

Back to top