Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O PLENO DE CEDEIRA APROBOU POR UNANIMIDADE A MOCIÓN PARA ESIXIR RECURSOS HUMANOS E MATERIAIS NO CEIP

O pleno da corporación de Cedeira aprobou por unanimidade a moción presentada polos grupos municipais do PSdG-PSOE e o BNG, integrantes do goberno local, para reclamar á Consellería de Educación que se dote ao CEIP Nicolás do Río dos recursos humanos necesarios, así como dos materiais, tanto no inmediato como tamén retomando o proxecto de construír un novo colexio. O debate da moción, celebrado na sesión plenaria que tivo lugar na tarde deste xoves, contou coa presencia de pais e nais de alumnos, que están levando a cabo unha recollida de sinaturas e outras accións para reclamar a axeitada dotación de medios para o centro.

A sesión non estivo exenta de controversia, ao afirmar o voceiro do grupo do PP, Xulio Cribeiro, que non tiña ningún coñecemento da situación antes da convocatoria do pleno. Desde o público, unha nai recriminoulle a súa actitude, explicando que ela mesma o invitou a participar na asemblea que celebrou a ANPA hai un par de semanas.

Cómpre recordar que, tal como expón a moción, o máis urxente para o Nicolás do Río é que a Consellería de Educación asigne persoal e garanta a axeitada atención a todo o alumnado. O colexio público cedeirés pasou de ter tres coidadoras o curso pasado a dispor dunha con xornada completa e outra con media xornada. O problema agravouse coa incorporación de novo alumnado con NEE (Necesidades Educativas Especiais) cun alto grao de dependencia.

A moción aprobada onte supón que a corporación de Cedeira esixirá a Educación unha reunión con toda a comunidade educativa cara a dotar dos recursos humanos necesarios ao centro, tanto no que atinxe a persoal de Pedagoxía Terapéutica, como de Audición e Linguaxe e coidadoras, “para atender ao alumnado garantindo a igualdade de oportunidades para favorecer o seu rendemento académico e desenvolvemento persoal”.

Á falla de persoal súmanse as eivas estruturais do colexio. Na moción aprobada onte recórdase que o Nicolás do Río foi inaugurado en 1972, hai 53 anos, e que xa en 2004 o desplome do teito nunha aula de Infantil levou á Consellería a anunciar a construción dun novo centro. Daquela realizáranse estudos e informes previos que valoraban a actuación en 1,8 millóns de euros.

O Concello de Cedeira vai reclamar agora á Consellería, tal como expón na moción, que retome aquel proxecto de construción dun novo centro educativo. Tamén se pretende abrir unha nova dinámica de diálogo con Educación, pedíndolle que informe ao Concello das obras que realice nas instalacións educativas, que son propiedade municipal.

Descarga PDF MOCIÓN CONXUNTA DOS GRUPOS MUNICIPAIS DO PSdG-PSOE e BNG NO REFERIDO AS CARENCIAS HUMANAS E ESTRUCTURAIS DO CEIP NICOLÁS DEL RÍO

Back to top