CEDEIRA ACOLLERÁ O TOP MÁSTER NACIONAL DE BÁDMINTON SENIOR “MEMORIAL JUAN ANTONIO RODRÍGUEZ BUSTABAD”
A vila de Cedeira vai acoller os días 15 e 16 deste mes o Top Máster Nacional de Bádminton Senior “Memorial Juan Antonio Rodríguez Bustabad”, en recordo do xogador da entidade recentemente falecido. A competición, que nace con vocación de continuidade, contará coa participación de 119 xogadores e xogadoras de todo o país e abranguerá todas as categorías, desde a A1 (de 30 a 35 anos) ata SV+ (máis de 75), e modalidades (individuais, dobles e mixta).
O torneo está catalogado como Top Máster Nacional nº2, de maneira que ten o máis alto nivel e os xogadores e as xogadoras que gañen sumarán unha cantidade importante de puntos ao seu ranking. Os partidos xogaranse en sete pistas no Polideportivo Municipal, porén a organización contará tamén coa pista do IES Punta Candieira para os calentamentos.
O Club de Bádminton expresou o seu agradecemento a Eroski, Gadis, Cedeira Sport, RSL e ao seu patrocinador Muebles y Carpintería García. Tamén quixo recoñecer a colaboración e axuda da Federación Galega de Bádminton, a través do árbitro Alberto Freitas Fernández, e da Federación Española, concretamente a través da sección Planeta Senior e da súa representante Vanessa Serrano, para tramitar e coordinar o torneo. Para rematar, o clube agradeceu a colaboración do IES Punta Candieira e a implicación do propio Concello de Cedeira, a través do alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, e do concelleiro de Deportes, Xosé Antón Arribe Rodríguez.