Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

MOCIÓN AO PLENO DE CEDEIRA PARA ESIXIR OS RECURSOS HUMANOS E MATERIAIS QUE PRECISA O NICOLÁS DO RÍO

Os grupos municipais do PSdG-PSOE e o BNG, integrantes do goberno local de Cedeira, veñen de presentar conxuntamente unha moción, para o seu debate no pleno ordinario de xaneiro, solicitando á Consellería de Educación que dote ao CEIP Nicolás do Río dos recursos humanos e materiais necesarios. O centro sofre graves carencias en ambos os dous ámbitos, porén a moción sinala que a prioridade é asignar persoal e garantir a axeitada atención a todo o alumnado. A moción reclama á administración autonómica que retome o proxecto de construción dun novo centro educativo que anunciou en 2004 e que orzamentou, daquela, en 1,8 millóns de euros.

No eido do persoal de apoio ao alumnado, a moción recorda que o problema era coñecido pola Consellería de Educación antes do inicio do presente curso 2024/25. Pese a iso, o CEIP Nicolás do Río pasou de ter tres coidadoras a contar cunha a xornada completa e outra con media xornada. Nun contexto de recorte no número de docentes do colexio e de redución das horas de atención do profesorado con dispoñibilidade horaria -60 horas menos-, o problema agravouse recentemente coa incorporación de novo alumnado con NEE (Necesidades Educativas Especiais) cun alto grao de dependencia.

A esta situación, que na moción dos grupos de goberno sublíñase como prioritaria, súmanse as eivas estruturais do colexio. Recordan os grupos socialista e nacionalista que o Nicolás do Río foi inaugurado en 1972, hai 53 anos, e que xa en 2004 o desplome do teito nunha aula de Infantil levou á Consellería a anunciar a construción dun novo centro.
Daquela realizáranse estudos e informes previos que valoraban a actuación en 1,8 millóns de euros.

Cómpre recordar que o centro presenta numerosos problemas. Durante o curso pasado choveu nas aulas, no pavillón e nos corredores e había cornixas e fachadas cuxo estado representaba un risco. Abordáronse algunhas reparacións unha vez iniciado o novo curso, pero seguen as pingueiras no pavillón e a cuberta presenta deficiencias.

A moción reclama á Consellería de Educación que avalíe a situación en canto aos recursos humanos, que se reúna coa comunidade educativa e que dote ao centro dos recursos necesarios en Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe así como do persoal auxiliar encargado de coidar ao alumnado con necesidades especiais. Xunto cos recursos materiais necesarios, solicítase á Consellería unha reunión para tratar da construción dun novo colexio.

DESCARCA PDF MOCIÓN CONXUNTA DOS GRUPOS MUNICIPAIS DO PSdG-PSOE e BNG NO REFERIDO AS CARENCIAS HUMANAS E ESTRUCTURAIS DO CEIP NICOLÁS DEL RÍO

Back to top