Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O PLENO DE CEDEIRA APROBOU O ORZAMENTO DE 2025 E A INCORPORACIÓN DE REMANENTES DO PASADO ANO

O pleno da corporación de Cedeira aprobou onte en sesión plenaria os orzamentos municipais de 2025 e unha modificación de créditos, para a incorporación de remanentes do pasado exercicio, que vai destinada á financiación da ampliación da piscina. O goberno local vai xestionar este ano 6.877.337,97€, unha cantidade que é case un 7% superior á das contas de 2024. Pasan tamén ás contas deste 2025 outros 110.000€, coa devandita modificación de crédito, que se investirán no proxecto da piscina.

O Concello adicará a investimentos un total de 461.538,15€. Entre outros proxectos, afrontará con estes fondos e no marco do Plan de Obras e Servizos da Deputación as actuacións de mellora dos dous parques infantís situados na zona da Revolta, un na praza da Constitución e outro no parque San Isidro -dous proxectos que suman un investimento de máis de 256.000€-; así como o arranxo e pavimentación de once camiños -por 135.688€-. Fóra do POS están outros proxectos, como a rehabilitación do Palacete Municipal, por preto de 150.000€; o arranxo de 3,8km de camiños rurais con cargo ao programa da Agader – máis de 83.000€-, ou a reserva de 20.000€ para os Orzamentos Participativos, un ano máis.

A ampliación da piscina, para dotala dun vaso de 25 metros de largo que mellore os 16 actuais, acometerase a través dun convenio coa Deputación. O custo da actuación é de preto de 550.000€, dos que a administración provincial financiará uns 300.000€.

Increméntase de novo neste 2025 a contía do plan de subvencións, ata os 317.950€. Neste capítulo están os fondos para convenios nominativos con entidades cuxas actividades repercuten no ben común, como é o caso da Cruz Vermella, Protección Civil, Apader e outras. Tamén van neste epígrafe os fondos para a Escola de Música, que este ano é de 46.000€, e os destinados ás dúas convocatorias de subvencións para entidades socioculturais e deportivas, que desde o ano 2023 ascenden a 120.000€.

O capítulo de atención social primaria ascende a 1.260.017,65€ e resérvanse 90.526,34€ para o fomento do emprego.

Back to top