O CONCELLO DE CEDEIRA ABRE A INSCRICIÓN PARA AS RUTAS DE NATUREZA DO PROGRAMA RESPIRA CEDEIRA
O Concello de Cedeira abre o prazo de inscrición para participar nas primeiras actividades de Respira Cedeira, un programa que promove o coñecemento e a posta en valor dos recursos naturais, culturais e mariñeiros do municipio a través de rutas tematizadas pola súa contorna litoral.
A iniciativa combina a actividade na natureza coa divulgación e a sensibilización ambiental, co obxectivo de achegar á cidadanía os valores diferenciais do territorio e favorecer unha maior conciencia sobre a importancia de conservar os seus ecosistemas. O proxecto aborda distintas temáticas, entre elas a biodiversidade, as repercusións das accións humanas sobre o medio, a actividade mariñeira e o patrimonio vinculado ao mar.
A primeira parte do programa estará centrada na flora, a fauna e os valores ambientais da Serra da Capelada. Entre o 24 de outubro e o 8 de novembro desenvolveranse seis rutas guiadas por diferentes espazos do municipio, con percorridos e niveis de dificultade variados. As persoas participantes poderán descubrir a riqueza paisaxística da contorna e afondar no coñecemento das especies e dos ecosistemas locais, así como reflexionar sobre cuestións relacionadas coa conservación ambiental e a contaminación.
Todas estas actividades, impulsadas polo Concello de Cedeira serán gratuítas, con inscrición previa e prazas limitadas. O prazo xa está aberto e as solicitudes atenderanse por rigorosa orde de inscrición, quedando a praza confirmada unicamente tras recibir a comunicación expresa da organización.
O patrimonio mariñeiro, protagonista da seguinte fase
Respira Cedeira continuará cunha segunda programación de rutas tematizadas sobre a actividade mariñeira e o patrimonio do mar, cuxo prazo de inscrición se anunciará proximamente. Estas actividades permitirán achegarse a espazos singulares vinculados á memoria mariñeira local e coñecer mellor a relación histórica, social e económica de Cedeira co mar.
A programación prevista inclúe dous percorridos polo porto de Cedeira e a zona do Castro de Sarridal, os días 5 e 6 de novembro ás 16.30 horas, así como dúas edicións da ruta Cedeira Mariñeira, os días 7 e 8 de novembro ás 11.00 horas.
Con esta proposta, o Concello busca contribuír a dar visibilidade aos sectores pesqueiro e marisqueiro, especialmente entre as novas xeracións, poñer en valor os produtos locais e destacar a importancia da profesionalización e do relevo xeracional. O programa pretende así reforzar o vínculo da cidadanía co territorio e favorecer o coñecemento dos recursos naturais e culturais que forman parte da identidade de Cedeira.
O programa de rutas enmárcase dentro do proxecto promovido polo Concello de Cedeira “RESPIRA Cedeira: Descubrindo a riqueza do litoral a través dun programa de rutas tematizadas”. Esta iniciativa está financiada pola Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), a través das axudas xestionadas polo GALP A Mariña – Ortegal.