O CONCELLO DE CEDEIRA LICITA A OBRA DE CREACIÓN DUNHA NOVA ZONA VERDE E DE LECER NA RÚA SILVA
O Concello de Cedeira acaba de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público o expediente para a contratación das obras de creación dunha zona verde na rúa Silva, nunha parcela triangular das chamadas “Casas Baratas”. É unha actuación que conta cun orzamento de 67.555,12€ (IVE incluído) e que suporá a rexeneración dun recuncho actualmente degradado e desaproveitado, ofrecendo á veciñanza un espazo agradable para pasar o tempo, cun mobiliario urbano que proporcionará un resgardo do vento ou a choiva.
A actuación acométese con financiación do POS+2024 da Deputación da Coruña -que cubre o 52,63% do custo-. A parcela que se vai renovar está situada a 100 metros do Auditorio Municipal, nunha zona concurrida, e ten nas súas costas, na base do triángulo que ocupa, a fachada cega dun edificio de catro alturas. Como parte do programa de rexeneración deste espazo, o Concello de Cedeira encargou a pintura dun mural á artista Lidia Cao. Así, o fondo da nova zona de lecer está ocupado agora pola colorista representación dunha muller maior, lendo un libro e nunha actitude moi xuvenil.
A parcela sobre a que se vai actuar ten 73 metros cadrados de superfie, situados na bifurcación da rúa Silva, á altura do número 26, e actualmente degradados e desaproveitados. O proxecto prevé a plantación de árbores e diversa vexetación, así como a instalación dunha zona de bancos, abrigada cunha estrutura de cuberta parcial. O espazo terá aparcamento de bicicletas e renovaranse as berarrúas, dotándoas dun ancho que garanta unha boa accesibilidade.
As empresas interesadas en presentar unha oferta poderán facelo ata o 24 de novembro. O prazo de execución será de tres meses.