O GOBERNO LOCAL PUBLICA UN NOVO NÚMERO DO BOLETÍN DE INFORMACIÓN MUNICIPAL “AS7PARROQUIAS”
O Concello de Cedeira vai distribuír estes días un novo número, o 29, do seu boletín informativo As7Parroquias, unha ferramenta creada para achegar á veciñanza o traballo do goberno municipal. Unha das súas oito páxinas está adicada á rexeneración da praia da Madalena, un tema que ten aparecido anteriormente noutros dez números do boletín con ocasión dos diferentes avances que se foron producindo, desde que a Plataforma en Defensa da Ría reclamou unha actuación integral na zona ata que se logrou o compromiso do Ministerio de Transición Ecolóxica e en cada un dos trámites que se foron cubrindo ata a contratación das obras.
O boletín aborda tamén neste número os avances cara a sinatura dun convenio coa Deputación Provincial para o financiamento da ampliación da piscina municipal e as operacións de compra, xa pechadas, de dúas parcelas lindeiras coa de titularidade municipal para completar a dotación de solo para o futuro novo Centro de Saúde. A publicación repasa as obras municipais en curso, en varias rúas do casco urbano e en camiños rurais, así como os proxectos para renovar os parques de xogos infantís do parques de San Isidro e Floreal e as rehabilitacións dos lavadeiros da Penela e do Peneiro.
A nova campaña de escavación no castro de Sarridal, o proceso de Orzamentos Participativos, o traballo do Consello Local de Infancia e Adolescencia (CLIA) Ondiñas da Vila, os actos do 8M, as celebracións de Entroido e os últimos éxitos do deporte de Cedeira están tamén neste número, que adica a súa contraportada ao curso de “Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais” que se está a impartir no IES Punta Candieira, promovido pola ANPA O Beco co apoio do Concello.