CEDEIRA REUNIRÁ A UNS 30 ARTESÁNS NA SÚA PRIMEIRA FEIRA CASTREXA, DO 27 AO 29 DE XUÑO
A vila de Cedeira acollerá do 27 ao 29 de xuño a súa primeira Feira Castrexa, unha viaxe no tempo na que se vai recrear un mercado, cunha palloza e as armas, vestiario e ferramentas que empregaban os moradores do castro de Sarridal. A feira reunirá uns 30 postos de artesanía e contará cunha zona de xogos infantís na que se van organizar obradoiros de forxa, barro, cestería… tanto demostrativos como participativos.
O mercado estará no Paseo da Mariña e os seus postos abrirán, durante os tres días de feira, entre as 11.00 e as 15.00 e de 17.00 a 23.30h, agás o primeiro día, o venres 27, que se inaugurará ás 18.00 horas. Na feira haberá unha recreación dunha palloza, coa panoplia castrexa -a colección de armas- e outros elementos da vida cotiá daquela época, como roupa ou ferramentas.
Durante as tres xornadas o evento contará con animación na rúa, musical e teatral, e tamén con tropas castrexas que recrearán escaramuzas en diferentes puntos do mercado, actividades que se irán desenvolvenvo ao longo do día. Ás 22.00h, os tres días, haberá espectáculos de lume con malabares.