Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O DEPORTE DE CEDEIRA BRILLA NOUTRA TEMPADA CARGADA DE ÉXITOS E VALORES POSITIVOS

O de que “Cedeira respira deporte” é unha realidade, más aló dun lema. E como proba, a gran tempada que pecharon xa ou están a piques de pechar os clubes deportivos da localidade. O Concello quere felicitar a todas as entidades polo seu traballo, tanto polos éxitos nas competicións, como polos valores de convivencia e respecto e os hábitos saudables que están a transmitir ás novas xeracións.

Ao Club Natación Cedeira cómpre recoñecerlle a fazaña de levar o nome dunha localidade pequena como Cedeira aos primeiros postos de competicións estatais e europeas de tríatlon. Hai que salientar a Damián Suárez Couto, campión da Copa de Europa en Quarteira e prata na de Europa de Torremolinos, así como a Lucas Riola, prata en Quarteira e oitavo no clasificatorio para o Campionato de España elite en Fuente Álamo. Na base, Irene García Nebril foi campioa de España cadete de duatlón, en Avilés, e campioa galega en Muros.

En canto a natación, o club cedeirés tivo tamén resultados relevantes. Iván Gómez Caneiro, formando parte da Selección Galega, acadou postos de finalista no Campionato de España alevín en Madrid (6º en 800, 7º en 400 e 9º en 200 libres) e proclamouse campión galego en 100, 200, 400 e 800 libres. Pola súa banda, Maia Pardo Barreto foi campioa galega en 800 libres e subcampioa en 100, 200 e 400 libres, mentres que Antón Castro Freire logrou un meritorio 4º posto en 400 libres no campionato galego.

Xunto coas medallas, houbo outros recoñecementos para o traballo do Natación Cedeira: Damián Suárez Couto recibiu o galardón de mellor deportista novo da Federación Española de Tríatlon; Xan Xosé Suárez Vilela foi nomeado mellor adestrador pola Deputación da Coruña e o club recolleu, por terceiro ano consecutivo, a insignia de prata das Escolas de Excelencia da FETRI.

Tamén podemos presumir en Cedeira dos logros do Club de Remo. A tempada comezou co Campionato Galego de Remoergómetro, que se disputou en Noia e ao que Cedeira mandou 25 deportistas. Volveron co ouro en infantil feminino, bronce en discapacitado intelectural masculino, ouro en veterán masculino, ouro en relevos alevín masculino e bronce en relevos infantil feminino. Chegou despois o campionato de España da mesma categoría, disputado en Cartaxena, da que o club volveu cunha medalla de ouro na categoría infantil feminina. No mundial, que se celebrou nas mesmas datas, Cedeira tivo dous podios: o bronce para Marcos Casal e outro bronce e un cuarto posto para o veterano Xusto Pérez.

O Club Remo Cedeira retomou nesta tempada o banco fixo cos máis pequenos e puido participar na liga de bateis. Competiron un equipo alevín masculino, e dous infantís, feminino e masculino. O alevín masculino clasificouse para o campinato galego e estivo a un segundo de chegar á final.

No pasado mes de abril, os remeiros Joaquín Montero e Marcos Casal viaxaron á Open de Beach Sprint que se celebrou na Liña da Concepción, onde Casal obtivo un sexto posto que lle abriu as portas do equipo nacional. Máis recentemente, na Regata Internacional Queima das Fitas, o club prata na sub17, e outros dous primeiros postos conseguíronos Alejandro Villadóniga e Diego Loureiro e Claudia Loureiro e Sofía López co doble scull na categoría sub13.

O Cedeira SD vén de lograr a permanencia na Primeira Futgal, grazas ao empate contra o Eume da pasada semana, ainda que restan dúas xornadas para determinar cómo queda a clasificación e quen xoga o playoff. Remataron xa as competicións de liga de fútbol-8 e para o último fin de semana de maio quedan as Copas Convivencia, nas que participarán todos os equipos de base da entidade. Cedeira foi elixida como sede da Copa Convivencia alevín (Grupo título e grupo consolidación-1).

De máis pequenos a maiores do Cedeira SD, a liga rematou cun sexto posto que lle valeu a clasificación para o grupo de campións ao equipo de Prebenxamíns. Os Benxamíns A quedaron sétimos na clasificación e xogaron o grupo consolidación-1, mentres que os Benxamíns B proclamáronse campións do seu grupo consolidación, perdendo só dous encontros. O equipo Alevín foi quinto no grupo consolidación-1 e o Infantil está na sexta posición cando resta un encontro para que remate a liga e a falta dun punto para clasificarse para a Primeira Futgal Infantil. O equipo Cadete A está a xogarse a liga e o ascenso a liga galega, cando quedan dúas xornadas, con posibilidade de quedar en segundo posto e disputar a fase de ascenso á liga galega. En canto ao conxunto de Cadetes B, sen que teña rematado a liga, vai agora no quinto posto da Segunda Futgal. O Xuvenil do Cedeira SD está na parte baixa da táboa na Primeira Futgal, e os Veterás están a xogar pola permanencia en División de Honor, a falta de dúas xornadas.

O Discalzas SD, pola súa banda, está no sexto posto da táboa clasificatoria, con 35 puntos, a falta da última xornada para rematar a competición. As futbolistas de Cedeira integran o Grupo 1 da terceira división galega femenina xunto con outros 11 equipos das zonas de Ortegal, Ferrol e A Coruña. Ademais, o club disputou tamén esta tempada a III Copa Feminina de Ferrol, cuxa final se celebrará o 23 de maio no Campo de Fútbol da Gándara. Nesta competición o Club caeu derrotado en Semifinais ante o Club Deportivo Narón, porén está por resolver unha reclamación por aliñación indebida do rival que podería, finalmente, levar ao Discalzas SD ata a final.

O Club Bádminton Cedeira vén de participar, o primeiro fin de semana de maio, no Campionato de España senior que se celebrou en Cáceres. A entidade regresou con varios metais: Alejandra Rodríguez, medalla de bronce en DF; Hilda Martínez, dúas pratas en IF e en DX xunto a Darío Freijo de Vigo; Santiago Freire, prata con Antonio Pazos do Coruña Oleiros, bronce en IM e campión de España en DX xunto a tamén local Dolores López; Dolores López, medalla de bronce con Hilda Martínez en DF, campioa de España en DX con Santiago Freire e campioa de España en individual. Ademais Hilda Martínez foi galardoada co premio Mujer Iberdrola pola súa traxectoria.

O Cedeira Basket Club está satisfeito despois da súa cuarta tempada competindo, este ano con tres equipos: premini, minibasket e infantil, e especialmente contento polo logro de ter un equipo feminino, o de minibasket. Para este club, que renaceu no ano 2022 e recolleu a semente que deixara o Club Baloncesto Cedeira hai máis de tres décadas, o máis importante é fomentar os valores do deporte entre os pequenos e pequenas que se inician nesta práctica.

A Escola de Karate Cedeira subliña o crecemento que está a experimentar este deporte en Cedeira, pola incorporación de nenos e nenas, e pon o acento na formación en valores como o respeto, a igualdade, a solidariedade e o compañerismo que leva aparellada a disciplina, máis aló da competición e os trofeos. A estas alturas, a entidade está en plena tempada de competición, que comezou en outubro e finalizará en setembro. Porén, destacan os bronces logrados por Uxía Pérez González e Elisa González López na competición de kumite na primeira xornada de liga, o que conseguiu Xabier Pérez González na segunda e o terceiro posto de Jaime Errasti, Xabier Pérez e Elisa González en kata por equipos no Campionato Galego Absoluto e de clubs. Quedan xornadas de liga pendentes, e a escola local destaca que o vindeiro 13 de xuño Cedeira acollerá a Final da Liga Galega, coa participación de máis de 600 deportistas.

O Club de Pádel Cedeira tivo esta tempada catro equipos competindo nas Series Nacionais de Pádel (SNP). O Masculino A fíxoo en categoría 1.000 das SNP, grupo 1, na que quedou a unha victoria de encabezar o seu grupo e lograr o pase directo ao provincial. No play off perdeu o primeiro enfrentamiento 3-2 e foi apeado da loita polo título. Na competición doméstica, compite no grupo 4 de 3º categoría e a falla de dous partidos ten case asegurada a 2º plaza para optar á 2º división provincial. O Masculino B compiteu na 1º división da categoría Future das SNP e quedou 4º no seu grupo na fase regular. Unha vez no play off gañou as tres eliminatorias e perdeu a final zonal Galicia norte, co que quedou ás portas de xogar a fase interseries. Na liga regular compite no grupo 4 de cuarta división, e nestes momentos encara a recta final da tempada, a falta de dúas xornadas, loitando por manter a categoría.

O Feminino A debutou este ano na categoría 1.000 das SNP, en 2ª división, onde acadou un logrou o terceiro posto na clasificación final. En canto ao playoff zonal de Galicia Norte, o equipo caeu en cuartos de final. Por outra banda, na Liga Galega de Pádel, o Feminino A compite na 3ª categoría feminina, grupo 3. Tras un comezo de liga esixente, con tres equipos descendidos de 2ª categoría -entre eles o de Cedeira-, a competición mantívose moi igualada. A falta de dúas xornadas para rematar a liga, o equipo está no segundo posto e todo apunta a que poderá disputar o playoff de ascenso a 2ª división.

O Feminino B, pola súa banda, competiu nas SNP na categoría 500, 3ª División. Tras unha destacada participación na fase regular acadou o ascenso á 2ª División. Ademais participou nos play off zonais cunha notable actuación. O equipo logrou superar dúas eliminatorias consecutivas e pasar ás semifinais da competición, nas que caeu derrotado. Por outra banda, o equipo participa na 4ª categoría da liga, na que ocupa o terceiro lugar, a falta de dúas xornadas. Esta situación permite asegurarlle a participación nos play off de ascenso á 3ª categoría.

Na Street Dance Cedeira destacan o esforzo, a dedicación e a paixón dos seus bailaríns e bailarinas, que tamén levan o nome da vila a primeiros postos en competicións galegas e nacionais. A liga de hiphop galega ten actualmente, a falta de dúas xornadas, a Sofía Gundín no primeiro lugar e a Ana García no terceiro posto de Mini Individual; a Veri y Sofi e a Ire e Carla no primeiro e terceiro posto de Mini Parellas; e aos equipos Little Beasts en cabeza da categoría Baby e Ohana’s por diante de Infantil. The North Project e Black Mamba ocupan os quintos postos nas competicións Junior e Youth, respectivamente.

A escola cedeiresa ten participado no que vai de tempada en tres competicións nacionais: os campionatos February en León e Zamora, con dous primeiros postos de Little Beasts na categoría Baby e o equipo Ohana’s (Infantil) gañando o primeiro lugar en Zamora e o quinto en León. E o Move It que se desenvolveu en Vigo, no que Little Beasts conseguiu o terceiro posto na categoría Baby.

Back to top