A DEPUTACIÓN APROBA INVESTIMENTO DE MÁIS DE 203.000€ PARA A MELLORA DAS ESTRADAS A CHÍMPARRA E TEIXIDO
A Comisión de Infraestruturas Viarias e Obras Provincias da Deputación da Coruña aprobou, na súa última reunión, o proxecto de Mellora da capa de rodadura da estrada DP2204 de Cedeira-Chímparra, do punto quilométrico 1+390 ao 2+495 e da estrada DP2206 de As Pontigas a San André, do punto quilométrico 0+000 ao 0+320. A administración provincial vai investir 203.448,42€ nesta actuación, que mellorará as condicións do tráfico rodado no acceso ao núcleo de Teixido.
Cómpre recordar que a Deputación Provincial acometeu nos últimos anos outra importante mellora na estrada que leva a San André de Teixido, concretamente a mellora na zona do Rego de Tide, onde se eliminou unha curva perigosa cun investimento próximo aos 400.000€. O Concello de Cedeira está satisfeito por esta nova intervención, que virá mellorar as condicións dun vial moi transitado, especialmente nas tempadas máis turísticas.