O CONCELLO DE CEDEIRA FARÁ FILLA PREDILECTA A “NISA” LÓPEZ AMADO E DARÁ O SEU NOME A UNHA PRAZA
O pleno do Concello de Cedeira votou unanimemente na súa última reunión a favor da moción presentada polos grupos de goberno, PSdeG-PSOE e BNG, para facerlle un recoñecemento póstumo a Dionisia “Nisa” López Amado (Cedeira, 1928-Bos Aires, 2008), unha veciña da localidade que emigrou de moza a Arxentina e se convertiu nunha das fundadoras do coñecido movemento das “Nais da praza de Maio”, un colectivo que conmocionou ao mundo reivindicando verdade e xustiza, fronte a unha ditadura militar, só cun pano branco na cabeza. O Concello vaille nomear Filla Predilecta de Cedeira e poñer o seu nome á praza situada en fronte do consistorio, xunto ao Pazo de Moscoso.
O texto da moción recorda que Nisa soubo xa durante a infancia en Cedeira o que significan unha guerra e a represión dunha ditadura. A praia na que xogaba convertiuse en campo de concentración, ao que seguindo as intrucións da súa avoa pasaba pan agochado, e varios familiares seus sufriron represalias e foron fusilados. Marchou a Arxentina, onde volveu chocar coa inxustiza. En maio de 1976 a ditadura militar secuestrou ao seu fillo, Antonio Adolfo Díaz López, e á súa nora, Stella Maris Riganti, que non volveron aparecer. Desde aquela, Dionisia López non deixou de loitar para reclamar verdade e xustiza.
Percorreu durante anos prisións, hospitais, cuarteis e institución na procura de respostas sobre o destino do fillo e da nora, sen permitir que o odio a colonizase. Nisa foi unha das fundadoras das Nais da Praza de Maio, un colectivo que ten recoñecementos de organismos como Amnistía Internacional. Ela en particular recibiu o cariño e a homenaxe da súa vila de adopción en Arxentina, Tigre, onde se inaugurou un local social co seu nome. Tamén en Galicia, a cedeiresa recibiu homenaxes doutros concellos como Moaña e Cangas.
Tal como indica a moción aprobada no pleno, é difícil comprender que a súa vila natal aínda non lle concedese un recoñecemento “á altura da súa dimensión humana e histórica”. Así, co apoio unánime da corporación, o Concello vai reparar esa débeda e incorporar para sempre a figura de Nisa á vida da vila, cunha praza que levará o seu nome e fará que as futuras xeracións coñezan quen foi esta muller que é símbolo de humanidade, valentía e compromiso.