Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA MEDIOU PARA ARTELLAR O APOIO DA DEPUTACIÓN ÁS OBRAS DO CENTRO ASISTENCIAL DE APADER

A asociación Apader vai acometer unhas obras no seu centro asistencial de Régoa, por valor de 350.000€, contando cunha achega de 160.000€ da Deputación da Coruña pola iniciativa e mediación do goberno municipal de Cedeira. A axuda plasmouse nun convenio de colaboración nominativo que foi asinado o pasado venres entre o presidente provincial, Valentín González Formoso, e a vicepresidenta de Apader, María Isabel Latorre Morado, en presencia do alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, e da concelleira María Pernas.

O goberno municipal tomou a iniciativa de xestionar o apoio da Deputación Provincial despois de coñecer o proxecto. O alcalde acudiu á institución provincial a presentar o plan de obra de Apader e a solicitar o respaldo da administración, que finalmente se conseguiu e que cubre preto do 46% do investimento. Pablo Diego Moreda Gil destaca, satisfeito tras ver materializado o acordo, que Apader “é unha entidade na que viven veciños e veciñas de Cedeira, xente querida e apreciada que está totalmente integrada na dinámica social, cultural ou deportiva da nosa localidade” e ten tamén palabras de recoñecemento para Gonzalo Latorre, que foi o fundador da asociación, falecido hai catro anos, “persoa de enorme calidade humana que deixou unha fonda pegada e que é recordado con moito agarimo”.

A obra que se prevé acometer nas instalacións de Apader, situadas en Régoa, abrangue unha mellora integral da envolvente térmica do centro asistencial para optimizar o seu comportamento enerxético, reducir problemas de humidade e mellorar o confort das persoas usuarias e profesionais. Tal como explicou o actual xerente de Apader, José Carlos Rivas, realizarase con proveedores locais o illamento de todas as fachadas, o cambio das ventás e tamén da cuberta, instalando unha estrutura máis lixeira pero con máis eficiencia térmica. A mesma actuación afectará tamén ao edificio anexo que acolle un dos tres talleres da entidade. Ademais, actuarase sobre a soleira e o pavimento exterior, que presentan zonas deterioradas, fendas e afundimentos, e executarase un drenaxe perimetral para solucionar os problemas de humidade existentes na planta baixa.

Durante a sinatura do convenio de colaboración, o pasado venres, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que “o traballo de Apader en Cedeira e na comarca é fundamental. Leva anos ofrecendo atención, acompañamento e servizos a persoas con discapacidade intelectual. Apoiar a mellora das súas instalacións supón apoiar directamente a calidade de vida destas persoas”. González Formoso puso en valor a colaboración do Concello: “Cando unha entidade como Apader, o Concello e a Deputación traballan na mesma dirección, quen gañan son as persoas. Este convenio permite mellorar un centro esencial para Cedeira e para moitas familias da comarca”, sinalou.

Na sinatura do acordo participou a vicepresidenta da entidade, María Isabel Latorre, irmá do fundador, quen agradeceu o apoio da Deputación e subliñou que a obra vai mellorar moito a habitabilidade do centro e o benestar das persoas usuarias. A asociación Apader conta actualmente con 36 persoas usuarias con discapacidade intelectual. Delas, 15 pernoctan durante todo o ano nas instalacións da residencia Gonzalo Latorre, outras 8 viven nas dúas vivendas tuteladas da entidade e o resto acoden ao centro durante o día e regresan posteriormente ao seu domicilio familiar.

Back to top