O CONCELLO FINANCIARÁ CUNHA AXUDA PROVINCIAL O 80% DA PONTE PEONIL SOBRE O XACEMENTO DO SARRIDAL
A Deputación da Coruña notificou ao Concello de Cedeira que o seu proxecto para construír unha ponte de madeira sobre o camiño do Sarridal vai contar cunha das axudas aprobadas ao abeiro do programa provincial para actuacións de protección especial sobre o patrimonio cultural. A convocatoria recibiu 48 solicitudes, das que foron aprobadas 24. A actuación está orzamentada en 42.295,64€, dos que 33.837€ virán a través desta subvención e os restantes 8.459,64€ custearanse con fondos municipais.
A pasarela de madeira é necesaria para garantir o paso peonil polo camiño que bordea os restos do xacemento arqueolóxico xa exhumados e que vai cara á cala das Sonreiras e ao castelo da Concepción. A escavación por debaixo desta vía será así preservada e a pasarela vai permitir que queden á vista as descubertas, ao tempo que se mantén o paso por riba delas.
Ao marxe da construción da ponte, que agora terá que contratar o Concello, vai desenvolverse a partir de mediados deste mes una nova campaña de escavación arqueolóxica. O equipo de Axa Arqueoloxía ten o proxecto de levantar unha superficie de 80 metros cadrados, situada entre o paramento exterior do castro e o muro da sauna. A previsión e poder coñecer a existencia de estruturas adosadas á muralla e ver o sistema de canalización da auga que saía da sauna castrexa. Desta volta, a campaña será financiada polo Concello de Cedeira.
O goberno municipal impulsou hai máis de oito anos a escavación do castro Sarridal, contando co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio. Ambas as dúas institucións foron alternándose desde entón no financiamento das sucesivas campañas de exhumación e consolidación dos restos, que se revelaron como un dos xacementos castrexos máis importantes do noroeste peninsular. Ditas campañas permitiron verificar que o asentamento estivo habitado cando menos desde o século IV antes de Cristo ata o IV despois de Cristo, de maneira que os restos corresponden á época castrexa e tamén posteriores, da galaico-romana.