Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO ABRE O PUNTO DE INFORMACIÓN TURÍSTICA DE TEIXIDO E ACTIVA O PROGRAMA DE PASEOS GUIADOS

O Concello de Cedeira activa un verán máis o punto de información turística de Santo André, contando co guía local Sergio Muíño, así como as visitas e paseos guiados polo núcleo de Teixido e pola vila. O responsable do proxecto de dinamización Eu fun de vivo ocúpase tanto da oficina do lugar de peregrinación como da que está no Palacete Municipal, onde está o chamado Museo Terras de Cedeira.

O punto de información turística de Santo André funciona neste mes de xuño os domingos pola mañá, de 10.00 a 15.00h, e os mércores, venres, sábados e domingos polas tardes, de 16.00 a 20.00h. Nos días de apertura pola tarde o guía local ofrecerá un “paseo dos vivos”, a prezo reducido e cofinanciado polo Concello, un percorrido guiado polas lendas e a historia do núcleo de Teixido, enclave que nos últimos anos está a recibir cada vez máis visitantes. Non será preciso, para participar, inscrición previa.

O Museo Terra de Cedeira alberga como fondos permanentes as pezas da colección Rafael Usero e conta tamén con actividades e mostras temporales, como a que actualmente está adicada á Rapa das Bestas da Capelada, co obxectivo de dinamizar o Palacete Municipal máis aló da atención que se presta ao visitante na Oficina de Turismo. O museo abre de mércores a sábados polas mañás, de 10.00 a 14.00h, e tamén os xoves pola tarde, de 16.00 a 20.00h.

Con financiación polo Concello, o guía Sergio Muíño ocúpase de organizar paseos guiados cada semana pola vila, gratuítos para todas as persoas interesadas. Neste caso, é preciso reservar praza a través da páxina www.eufundevivo.com. Hoxe, o paseo é polos murais atlánticos da vila, que conforman un auténtico museo ao aire libre, mentres que o vindeiro xoves, día 18, a proposta é “un paseo ata o solpor”. Para a seguinte semana a ruta será o domingo 28, neste caso un percorrido “Entre museos, da terra ao mar”.

Back to top