Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA ABRE A INSCRICIÓN NUN CURSO GRATUÍTO DE MONITOR/A DE OCIO E TEMPO LIBRE

O Concello de Cedeira organiza un curso de monitor/a de ocio e tempo libre que proporcionará a quen o complete o título de primeiro nivel recoñecido e esixido pola Xunta de Galicia segundo o Decreto 50/2000 de 20 de xaneiro no que se refunde e actualiza a normativa en materia de Xuventude. O curso é totalmente gratuíto e desenvolverase do 9 de outubro ao 13 de decembro os venres pola tarde e en xornadas de sábados e domingos.

O programa impartirase nas instalacións do CEIP Nicolás do Río. O horario os venres pola tarde será de 15.30 a 20.30h, mentres que os sábados se impartirá o curso de 09.00 a 14.00 e de 15.30 a 20.30h. Ademais, ao longo do programa haberá cinco domingos nos que se dará clase pola mañá e pola tarde, no mesmo horario dos sábados. Serán, concretamente, o 18 de outubro, o 1 e o 22 de novembro, o 6 e o 13 de decembro.

As persoas interesadas poden apuntarse a través da sede electrónica do Concello de Cedeira ou ben presencialmente, no rexistro municipal, cubrindo o formulario ao que se pode acceder a través deste link: https://drive.google.com/file/d/1joF0d6INoMjYjlo-WVPDiidxOo3OIlPL/view

Esta é unha nova iniciativa da área de Promoción Económica do Concello de Cedeira para facilitar a inserción laboral. Con anterioridade xa se promoveran cursos de monitor/a de tempo libre e de servizo de bar e cafetería, e apoiouse á asociación O Beco na posta en marcha dun programa de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. Tamén se teñen impartido diferentes cursos de galego para facilitar o acceso aos títulos Celga como os que teñen agora o prazo de inscrición aberta e que comezarán a mediados de outubro.

Back to top