Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O PLENO DE CEDEIRA APROBA INCORPORAR AO ORZAMENTO MÁIS DE 570.000€ DE REMANENTES DO PASADO EXERCICIO

O pleno da corporación do Concello de Cedeira aprobou na sesión ordinaria de setembro dous expedientes de modificación de créditos cos que se incorporan ao orzamento do ano actual 571.156,81€ procedentes dos remanentes do exercicio anterior -que ascenderon a máis de 1,3 millóns de euros- e que permitirán abordar a construción da nova ponte de madeira sobre o río Condomiñas e o Centro Municipal de Remo, así como adquirir o edificio da reitoral de San Román e unha mini escavadora.

O goberno municipal tivo que contratar recentemente a demolición da ponte de madeira que atravesaba o Condomiñas, despois de que técnicos do CIS Madeira determinases que a estrutura presentaba un grao de deterioro incompatible co seu mantemento. Agora, a modificación de crédito permite consignar 262.156,81€ para a construción dunha nova pasarela.

Dentro do mesmo expediente de modificación de créditos vai a consignación de 30.000€ para a compra dunha mini escavadora con destino ao Servizo Municipal de Mantemento e Medio Ambiente, así como 77.000€ para a adquisición do edificio da reitoral de San Román e a finca rústica na que se atopa. Xa hai máis dun ano que o goberno local entablou conversas coa Diócese de Mondoñedo-Ferrol, propietaria do edificio, para poder levar a cabo esta operación e dotar á veciñanza dun espazo que poderá ter diferentes usos segundo as necesidades e as preferencias da veciñanza desta parroquia.

O segundo expediente de modificación de créditos supón a incorporación ás contas deste ano dos 202.000€ que o Concello precisa para facer fronte á parte que lle corresponde no proxecto do Centro Municipal de Remo. Tal como se informou recentemente, o goberno local xestionou con éxito unha axuda do Fondo de Cooperación Local que financia o 50% do orzamento necesario e coa incorporación destes remanentes do ano pasado a administración local custeará o outro 50%.

Back to top