O CONCELLO CONVOCA PARA ESTE SÁBADO A XORNADA DE DEPORTE NA RÚA IMPULSADA DESDE O CLIA ONDIÑAS DA VILA
Coa celebración, este sábado día 20, dunha xornada de deporte na rúa quedarán executadas as dúas iniciativas que recentemente aprobou o pleno municipal a proposta do CLIA Ondiñas na vila. Xunto co citado programa, os nenos e nenas, mozos e mozas que integran o Consello Local da Infancia e a Adolescencia realizaron recentemente coa axuda do artista Luís Davila un mural sobre os dereitos da infancia. Concretamente, a obra pon o foco no dereito dos menores a ter unha vida libre de explotación.
A xornada multideporte do sábado desenvolverase na praza da Revolta, xunto á praia da Madalena, desde as 10.30 ata as 15.00h. O programa abrangue fútbol, badminton, tenis praia, voleibol, remo, baloncesto e dachball (unha adaptación moderna do clásico brilé) e ofrecerá a oportunidade de probar disciplinas que non son moi coñecidas para a xente miuda, como a petanca, así como de xogar ao futbolín.
O Consello Local da Infancia e Adolescencia (CLIA) “Ondiñas na vila” marchará así de vacacións coas súas propostas executadas. O pasado 21 de maio, os rapaces e rapaces que forman parte deste órgano consultivo presentaron ante o pleno municipal dúas propostas, orzamentadas en 5.765€. Por unha banda, o proxecto de realizar un mural colaborativo contando para elo co viñetista e muralista Luís Davila, que efectivamente quedou executado hai uns días nunha parece próxima ás pistas de pádel de Cedeira, e por outro a realización desta xornada multideporte.
O Concello de Cedeira é unha Cidade Amiga da Infancia, recoñecida por Unicef, polo que mantén o compromiso de dar participación real á veciñanza menor de idade na política municipal.
