Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

CEDEIRA VIAXARÁ NO TEMPO NA ÚLTIMA FIN DE SEMANA DE XUÑO NA SEGUNDA EDICIÓN DA FEIRA CASTREXA

A vila de Cedeira viaxará do 26 ao 28 de xuño aos tempos nos que fervía de actividade o castro de Sarridal. Desenvolverase a segunda edición da Feira Castrexa, de novo co mercado de artesáns no Paseo da Mariña e coa Eira dos Nenxs e o campamento na praza Roxa, espazo adicado á recreación dunha palloza castrexa, cunha exposición de ferramentas e vestiario, exhibicións e moitos xogos e obradoiros para a xente miúda. O pregón inaugural da feira pronunciarase na tarde do venres, ás 18.00h na praza da Marieta, e as actividades sucederanse en horario de mañá e de tarde ata o domingo.

Ao longo dos tres días haberá diferentes pasarrúas con música, espectáculos teatrais ou de malabares, que contribuirán a animar a rúa. No Paseo da Mariña instalaranse decenas de postos de venda de artesanía e diversas viandas, que abrirán de 18.00 a 23.30h o venres e de 11.00 a 15.00 e de 17.00 a 23.30h o sábado e o domingo.

A Eira dos Nenxs ofrecerá máis de 18 xogos tradicionais de madeira, así como un rincón do teatro con diferentes materiais castrexos para que os nenos e as nenas boten a voar a imaxinación con escudos, cascos, espadas… Tamén na zona da praza Roxa recrearase un campamento castrexo, no que haberá unha palloza, ferramentas e vestiario, así como moitas das actividades cotiás da época, como unha forxa, ou a elaboración de pezas cerámicas, etc. De cando en vez, os moradores desta aldea protagonizarán algunha batalla con espadas, ou estarán a tecer unha prenda de roupa, entre outros quefaceres.

Back to top