O AUDITORIO DE CEDEIRA ABRE ESTE MES AS PROXECCIÓNS DUNHA NOVA EDICIÓN DO CICLO DE CINE MESTRE MATEO
Cedeira é un ano máis destino do ciclo Mestre Mateo, co que Academia Galega do Audiovisual leva por salas de toda a comunidade e tamén do exterior o mellor do cine galego do último ano. O calendario de proxeccións terá tres sesións neste mes de xuño e continuará despois con sete máis ata completar en novembro o cartel completo, que abrangue oito longametraxes e dúas citas coas curtas.
A primeira función é este venres, día 19 de xuño, ás 21.30h no Auditorio Municipal, con entrada de balde. Pasaranse catro curtas: “Abellón”, na que Alex trata de entender o seu lugar no mundo mentres traballa audiodescribindo películas para persoas como Lucía, que é cega de nacemento e que se convirte na súa guía; “Adeus, Berta”, protagonizada por Alicia, que vai a casa dos seus pais para elexir a roupa que levará a súa nai no velorio e se reencontra coa súa irmá Berta, que acaba de saír do centro de rehabilitación; “Algo novo que contar”, que fala da relación amorosa de Xoana con Berta e do seu medo a avanzar nela; e “Curmán”, premiada como a mellor curta da última edición dos Mestre Mateo, que conta a experiencia de Antón cando viaxa á aldea dos seus avós para recibir a primeira comuñón. A primeira non está recomendada para menores de 7 e as outras tres para menores de 12.
Ao día seguinte, o sábado 20, tócalle a quenda ás curtas de animación. Neste caso a sesión comezará as 20.00h no Auditorio Municipal. Pasarase “Lucus”, unha historia ambientada na cidade de Lugo durante a época de esplendor do Imperio Romano, cunha rapaza loitando para salvar a cidade das meigas e outros personaxes que queren destruíla; “Nuno”, unha peza sobre un bebé que sabe que ten que botar a falar, pero que dubida sobre como facelo; “O corpo de Cristo”, que foi gañadora do premio á mellor curtametraxe de animación, que trata sobre a saúde mental; e “O Mesmo”, na que o reencontro de Mar e Alex dez anos despois do seu paso polo instituto leva a tratar as consecuencias que tivo para ela o feito de que el compartira unha fotografía dela espida. Nesta sesión, todas as cintas son para maiores de 12 anos, salvo “Nuno”, apta para todos os públicos.
Tamén neste mes de xuño, o vindeiro día 26, o ciclo Mestre Mateo proxectará en Cedeira a película “As liñas descontinuas”, escrita e dirixida por Anxos Fazáns. A longametraxe trata de Bea, unha muller de 50 anos que está a divorciarse e Denís, un rapaz trans de 28 que loita contra a precariedade laboral. Coñécense de maneira inesperada e o encontro transforma para sempre a súa realidade. É unha película non recomendada para menores de 12 anos e que foi finalista nos Mestre Mateo nas categorías de dirección de fotografía e de produción, dirección, guión, interpretación feminina protagonista, interpretación masculina protagonista, maquillaxe e perruquería, montase, música orixinal, son e longametraxe.
O resto do calendario de proxeccións é o seguinte: “Antes de nós”, 24 de xullo; “Ao son da nova regueifa”, o 31 de xullo; “Sirãt”, o 7 de agosto; “O silencio herdado”, o 21 de agosto; “Deuses de pedra”, o 28 de agosto; “360 curvas”, o 2 de outubro, e “San Simón”, o 6 de novembro. Todos os pases serán ás 21.30h.
