Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

MÁIS DE 150 PERSOAS PARTICIPARON NO IV FORO DOS VIVOS, UN ENCONTRO PARA AFONDAR NO COÑECEMENTO E A EXPERIENCIA DO CAMIÑO A SANTO ANDRÉ DE TEIXIDO

Máis de 150 persoas participaron esta fin de semana na cuarta edición do Foro dos Vivos, un encontro para afondar no coñecemento, e tamén na experiencia, da tradición milenaria de peregrinar ata Santo André de Teixido. O programa incluíu charlas, obradoiros, degustacións e a realización da propia ruta ata o santuario. A aldea de Porto do Cabo acolleu unha vez máis o foro, nunha carpa instalada xunto á capela da Virxe do Camiño, ainda que desta volta en setembro en lugar de novembro, un cambio de data que favoreceu a afluencia.

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, e a primeira tenente de alcalde, María Xosé Pernas, asistiron ao evento, que conta co respaldo da Deputación da Coruña e a colaboración de diferentes entidades e concellos, entre eles o de Cedeira. Moreda Gil destacou o traballo da entidade Eufundevivo, e do seu promotor Sergio Muíño, así como da Asociación de Veciños de Porto do Cabo, e agradeceu “todo o que fan por poñer en valor os camiños e o que representan para Galicia, en canto a tradicións, patrimonio, cultura…”, así como “das persoas, a veciñanza que ao longo do tempo mantivo vivos estes camiños, mesmo abrindo as portas das súas casas aos romeiros”.

A xornada do sábado abriuse cunha charla de Soledad Felloza, actriz e contadora, que falou da narración oral vencellada ás peregrinacións, poñendo exemplos doutras rutas do mundo ata aterrar na de Santo André. A continuación, Sandra e Sara Novais, dúas cedeiresas, conseguiron emocionar a moitas das persoas presentes co seu percorrido pola música nos camiños de Santo André, no que ofreceron un rigoroso estudo da tradición intercalando a interpretación das cancións.

Tras a pausa para o café foi a quenda de Loli Rubido, fundadora da empresa Roteiros, quen falou do papel que teñen as pedras nos itinerarios de peregrinación, indo tamén do global ao local, desde os diferentes exemplos que hai polo mundo ata os amilladoiros de Teixido. Sergio Muíño, impulsor do proxecto Eufundevivo, investigador e dinamizador de Santo André de Teixido, pechou o cadro de ponencias falando do presente e o futuro do camiño.

A xornada de mañá rematou coa entrega do Premio dos Vivos, un recoñecemento que o foro crea tanto para persoas como entidades que traballen a prol do coidado e o coñecemento das tradicións arredor da peregrinación a Teixido. Nesta primeira edición foi para Loli Rubido, que precisamente a través da súa empresa Roteiros traballa desde hai moitos anos para impulsar o camiño.

O Foro dos Vivos contou nesta cita coa recreación da feira de romeiros que fai a Asociación de Veciños do Porto do Cabo, cunha antiga taberna na que había fotos antigas e vellos recortes de prensa sobre o camiño. Alí, as persoas participantes compartiron unha degustación na que non faltaron as “caldupeiras”, as mulleres que ofrecían unha cunca de caldo aos romeiros, así como queixos, empanadas e outros produtos da zona. Pola tarde desenvolvérose dous obradoiros, un de cerámica e outro de miga de pan no que se fixeron os tradicionais sanandresiños.

Ao día seguinte, o domingo, un grupo realizou o camiño desde Porto do Cabo ata Teixido guiado por Nela Fernández, da empresa Roteiros Lexendarios. Ao chegar ao núcleo de Santo André fixeron unha visita guiada con Sergio Muíño antes de regresar, xa en autobús, ata o lugar de partida. Nesta última actividade tomaron parte unhas 25 persoas, mentres que as charlas do sábado contaron cunhas 90 e os obradoiros con máis de 40 inscricións.

Back to top