GOBERNO LOCAL E REPRESENTACIÓN SINDICAL DANSE UNHA MARXE DE DOUS MESES PARA AVANZAR NA REVISIÓN DA RPT
O goberno de Cedeira e a representación sindical do persoal municipal chegaron ao acordo de darse unha marxe de dous meses para resolver a revisión da Relación de Postos de Traballo (RPT), toda vez que o Concello ten en marcha a redacción dunha proposta que prevé someter á súa consideración e poder aprobar no pleno ordinario do mes de setembro.
Ambas as dúas partes comparten a vontade de resolver a necesaria revisión da RPT e coinciden en que o tema se ten prolongado en exceso. Así, na última mesa de negociación, celebrada o pasado 19 de maio, o goberno municipal trasladou á parte social que ten contratado ao Despacho de Avogacía e Consultoría Laboral Galibalia para facer a revisión da RPT, coa previsión de tela lista para sometela á súa consideración nun plazo de entre mes e medio e dous meses. Pola súa banda, a representación sindical acordou deixar en suspenso as mobilizacións durante dito período, sen prexuízo de que se retomen a continuación en caso de non ter novas nin avances no proceso.
No marco desa última reunión das dúas partes, ofreceuse á representación sindical información doutros temas laborais, como son o estado da consolidación dos postos de traballo, as plazas de promoción interna, a recuperación do plan de pensións Abanca e os asuntos propios correspondentes a 2025, que son un total de oito.
O goberno municipal apunta que nos orzamentos municipais de 2025, xa aprobados no pleno, incorporouse xa a suba que supón a nova RPT, o que representa unha cantidade de 40.000€ este ano -aplicaranse con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro en canto entre en vigor- e un total de 200.000€ en cinco exercicios segundo o xa acordado na mesa de negociación.