DEZASETE PERSOAS INICIARON O CURSO DE ATENCIÓN SOCIOSANITARIA NO IES PUNTA CANDIEIRA
O IES Punta Candieira acolle desde este luns o curso de “Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais”, que conta coa participación de 17 persoas. Desde o goberno local quixeron expresar a súa satisfacción pola excelente acollida que atopou o programa, organizado pola ANPA O Beco co apoio do Concello, e polo que significa para facilitarlle a inserción laboral ás persoas que o realizan, nun sector que é cada vez máis demandante de recursos humanos.
As clases impártense polas tardes, de luns a venres, ao longo de 450 horas. Delas, un total de 80 serán prácticas. As persoas que completen satisfactoriamente o programa obterán unha titulación profesional de nivel dous, que as acredita para traballar no coidado de dependentes.