Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A COMEDIA DE HUMOR NEGRO “ENTREGA EN MAN” CHEGA ESTE SÁBADO AO AUDITORIO DE CEDEIRA

A compañía Contraproducións de Cándido Pazó e Belén Pichel achega a Cedeira este sábado a obra de teatro “Entrega en man”, adaptación da peza escrita polo dramaturgo británico-irlandés Martin McDonagh. É unha peza que se presenta como unha “comedia denegrida”, cargada de humor negro, na que zumegan temas candentes como o racismo, o machismo ou a xenofobia. A representación será ás 20.00h e o prezo da entrada, á venda na billeteira desde unha hora antes, é de 3,5€.

A acción comeza nun cuarto ruín dun hotel cutre nunha vila anónima americana. Carmichael, un supremacista branco estrafalario e agresivo, ofrece unha recompensa por recuperar a man que lle cortaron de adolescente nun acto de absurda violencia. Entran en escea o mozo negro Toby e a súa noiva branca Marilyn, que lle pretenden enganar ofrecéndolle unha man roubada nun museo e que, polo escura que é, non parece ser a súa. Mervyn, o recepcionista do hotel, un tipo estrambótico e algo surrealista, intervén en tan insólita transacción.

Cándido Pazó dirixe “Entrega en man”, interpretada por Evaristo Calvo, Santi Romay, Diogo Sales e María Roja.

Back to top