Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO PROMOVE UN PROGRAMA DE ACTIVIDADES SOBRE O PAPEL DAS MULLERES NO CAMIÑO A TEIXIDO

O Concello de Cedeira promove un programa de actividades arredor da festividade de Santo André de Teixido e do papel das mulleres no milenario camiño e no lugar de peregrinación. Unha xornada, a ruta con visita guiada ao núcleo de Teixido e a inauguración dunha mostra de fotografía configuran o programa, que se vai desenvolver os días 28 e 30 de novembro e o 1 de decembro.

O Auditorio Municipal será o escenario da xornada do sábado 28. A partir das 11.00h, intervirán a profesora María Elvira Lezcano, da Universidade da Coruña, autora dunha tese doutoral titulada “O Camiño a Santo André de Teixido: raíces históricas, xestión cultural e turismo”. Na súa intervención falará sobre as acolledoras do camiño. Participarán tamén as caldupeiras de Porto do Cabo, as mulleres que tradicionalmente ofrecían unha cunca de caldo aos romeiros, así como a fotógrafa cedeiresa Noelia Blanco, que presentará unha exposición de imaxes das mulleres do camiño que a partir do martes, día 1, poderá verse no Museo Terras de Cedeira (no Palacete Municipal).

O luns día 30 será a festividade de Santo André, data que tradicionalmente o santuario celebra con misa e posterior procesión. O Concello propón facer o camiño a pé dende Cedeira, nun grupo acompañado dun guía local, e compartir unha visita guiada ao núcleo e o santuario de Teixido á chegada. As persoas interesadas poden apuntarse, de xeito gratuíto, a través da web www.eufundevivo.com. As prazas son limitadas e a hora de saída será as nove da mañá.

Ao día seguinte, o martes 1 de decembro, abrirase a exposición “Mulleres no Camiño”, coas imaxes de Noelia Blanco, no Museo Terras de Cedeira.

Back to top