CEDEIRA REPITE POR SEGUNDO ANO NO CLUB DE SAÚDE DA ASOCIACIÓN ESPAÑOLA CONTRA O CANCRO
O Concello de Cedeira vai colaborar por segundo ano consecutivo co Club de Saúde da Asociación Española contra o Cancro, un programa ao que o municipio se incorporou na súa primeira edición e que vai dirixido a achegar ás persoas enfermas e ao seus familiares nas zonas rurais todos os recursos para a mellora da situación física, emocional e social que habitualmente funcionan nos centros urbanos. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, e o primeiro tenente de alcalde, Xosé Antón Arribe, participaron onte na presentación dos Clubs de Saúde que se desenvolveu na Coruña, onde sinalou que ”estamos moi orgulllosos de ser pioneiros na iniciativa”.
No acto participaron tamén representantes doutros concellos que participan no programa, ao que tamén se incorpora este ano As Pontes, así como o presidente da Asociación Española contra o Cancro da provincia da Coruña, Manuel Aguilar, e a directora do Departamento Territorial da Consellería de Sanidade na Coruña, Cristina Pérez, entre outras personas implicadas no desenvolvemento destes Clubes de Saúde e algún paciente que contou a súa experiencia.
O Club de Saúde consiste en talleres semanais, de 75 minutos, nos que se abordan materias como a alimentación saudable, a actividade física, a hixiene do sono, a xestión e autocoidado emocional, a abordaxe dos medos, as actividades culturais e de lecer, así como outras cuestións sociolaborais, por exemplo, que afectan ás persoas enfermas e á súa contorna máis próxima. A participación no proxecto é gratuíta, previa derivación dos médicos de cabeceira dos centros de saúdo, dos servizos sociais municipais, dos voluntarios da asociación, ou ben solicitando a inscrición a través do número 900 100 036.
Moreda Gil agradeceu o traballo da asociación e en particular da súa Xunta Local en Cedeira. Segundo se puxo de manifesto na presentación, a experiencia do pasado ano tivo uns resultados “espectaculares”, pola satisfacción das persoas participantes e polo evidente impacto na saúde da poboación.