CARREIRA POPULAR E TRAVESÍA A NADO, CITAS DESTACADAS NA AXENDA DOS PRÓXIMOS DÍAS EN CEDEIRA
A cativada está a pasar desde o luns en Cedeira unhas mañás moi animadas coa Semana Infantil, que como cada ano organizou o Concello e que propón xogos, carreiras e concursos para nenos e nenas de todas as idades. O programa está a ter unha alta participación e continuará todavía ata o venres, cando rematará co concurso de construción de castelos na area. Coa chegada da fin de semana, neste preámbulo das Festas da Patroa, a axenda da localidade énchese de actividades de todo tipo, entre as que destacan as deportivas.
Así, este venres terá lugar a Carreira Popular, unha cita que tamén é un clásico no verán de Cedeira. A praza Roxa será o lugar de saída e de chegada desta carreira que adoita contar con persoas disfrazadas e que, en calquera caso, sempre ten un carácter lúdico. A inscrición estará aberta desde as 17.00h, na mesma praza, e a saída tomarase ás 19.00h. Na organización da proba colabora o Club Natación Cedeira, que tamén promove a travesía a nado e ao que o Concello agradécelle o seu traballo.
Ao día seguinte, o sábado día 8, desenvolverase a Travesía a Nado Vila de Cedeira, un evento deportivo que chega á súa vixesimo oitava edición e que adoita levar á localidade a nadadores e nadadoras de clubs de toda Galicia e doutras comunidades. A recollida de gorros por parte dos participantes será de 10.00 a 11.30h e a partir das 12.00h darase a saída nas diferentes probas, de 50, 300, 800 e 1.500 metros. Polo de agora, segundo comentaron fontes do Club Natación Cedeira, van preto de 200 inscricións polo que se prevé que sexa unha das travesías con máis participación. A inscrición manterase aberta, non obstante, ata o comezo da proba.
A programación cultural do Concello abrangue esta semana un novo pase do ciclo Mestre Mateo, no que se achega o melloriño do cine galego do último ano. O Auditorio acollerá o mesmo venres, día 7, a proxección de “Sirat”, ás 21.30h.
Tamén hai outras citas culturais, deportivas e festivas. Mañá xoves, ás 20.30h, o Auditorio Municipal acollerá a presentación dun novo número da revista de estudos locais “Terras de Ortegal”.
O venres 7, no Bar Mástil, desenvolverase a segunda charla prevista no programa Cedeciencia. Desta volta falarán Miguel Hevia e Clàudia Fontserè, cada un deles aportando o seu coñecemento arredor do lobo, da súa presenza na Capelada e da súa xenética.
Tamén hai celebracións patronais esta fin de semana. Son as Festas de San Román. O programa do sábado abrangue a misa solemne ás 13.00h, cantada polar Coral Eixil, e sesión vermú a continuación co dúo Veneguay. Ás 18.30h xogarase un partido de fútbol de solteros contra casados e xa pola noite haberá unha verbena, na que voltará tocar Veneguay e actuará tamén o dúo Caramba. Ao día seguinte, o domingo, celebrarase misa ás 13.30h, e o programa pecharase cunha sesión vermú amenizada por Caramba.
No apartado musical, o sábado celebrarase a vixesimo terceira edición do Certame de Bandas de Música “Vila de Cedeira”, que organiza a agrupación local. Participarán as bandas de música de Meira e de Noia, xunto coa de Cedeira, e farán un pasarúas polo centro da vila a partir das 18.30h para dirixirse ao parque do Floreal, que acollerá o certame a partir das 19.00h.