Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A VECIÑANZA DE CEDEIRA DEPOSITOU EN 2024 MÁIS DE 4.200 QUILOS DE ACEITES USADOS PARA A SÚA RECICLAXE

A veciñanza de Cedeira depositou durante o pasado ano 2024 un total de 4.283 quilos de aceites de cociña usados nos 10 contedores que están repartidos polo municipio. Segundo a empresa Green Ambiental, encargada do servizo de recollida, o verquido deses aceites depositados durante o pasado ano nos contedores de Cedeira tería contaminado máis de 4,7 millóns de litros de auga. Ao contrario, tranformando eses 4.283 quilos en biocarburantes prodúcese un aforro de 12.849 toneladas de emisións de CO2.

Por outra banda, a cidadanía de Cedeira tamén depositou durante o pasado ano 12.490 quilos de téxtiles nos cinco contedores que ten o municipio e que xestiona o Concello a través da empresa Insertega. Neste caso, a reciclaxe deste material aforrou a emisión de 39,58 toneladas de CO2 á atmósfera.

Desde o goberno local subliñan o compromiso do Concello coa loita contra o cambio climático e destacan que o esforzo colectivo fixo posible que mudaran os malos resultados das analíticas sobre a calidade das augas das praias da Madalena e Area Longa ata conseguir a cualificación de excelente que se mantén desde o ano 2020.

Back to top