A HISTORIA DAS IRMÁS TOUZA CHEGA A CEDEIRA DA MAN DA COMPAÑÍA AMORODIO E A SÚA PREMIADA PEZA “A NAI”
A compañía Amorodio Teatro leva este domingo a Cedeira a obra de teatro “A Nai”, gañadora do premio Luisa Villalta da Deputación da Coruña e que recrea a historia real das tres irmás que nos anos 40, a través do quiosco que rexentaban na estación de Ribadavia, salvaron a arredor de 500 personas que fuxían do nazismo. A función será ás 19.00h no Auditorio Municipal e as entradas teñen un prezo de 2,5€.
Marián Bañobre dirixe esta obra de teatro que fala, con moito sentido do humor, da posibilidade de seren mellores persoas en tempos de degradación moral. Así o demostraron Lola, Julia e Amparo Touza, as tres irmás que agocharon e ofreceron unha vía de escape a centos de xudíos, homosexuais, mulleres roxas ou xitanas… Carmen Facorro, Javier Castiñeira e Yaiza Queiruga forman o elenco desta peza, na que se combinan ferramentas do teatro documental e a autoficción. O título, “A Nai”, fai referencia ao alcume da maior das irmás, Lola.