Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Teatro de Sarabela e monólogo de Carlos Blanco, os espectáculos da fin de semana no auditorio de Cedeira

O Auditorio de Cedeira acollerá esta fin de semana dous espectáculos, o de Sarabela Teatro, que representará o sábado ás 20.00h a peza “O dragón de ouro”, e o do humorista Carlos Blanco, que o domingo ofrecerá o monólogo “A penúltima”. No primeiro caso as entradas estarán á venda na billeteira, ao prezo de 3,5€, desde unha hora antes do comezo da función, mentres que para o domingo as localidades poden mercarse a través da plataforma de Ataquilla.com.

Sarabela Teatro representa en galego unha traxedia do autor contemporáneo alemán Roland Schimmepfennig, o máis reputado daquel país na escena internacional. “El dragón de ouro” comeza cun mozo chinés que unha noite sofre unha forte dor de moas na cociña dun restaurante asiático de comida rápida, nun edificio de varios pisos situado nalgún lugar de Europa. A peza fala con humor e xiros paradóxicos sobre a inmigración ilegal e a prostitución forzada, temas actuais que a obra aborda desde diferentes puntos de vista e con humor. Ánxeles Cuña Bóveda dirixe a representación, cuxo elenco está formado por Fernando Dacosta, Fina Calleja, Fran Lareu, Sabela Gago e Fernando González.

O mesmo escenario do Auditorio cedeirés recibirá o domingo, ás 18.30h, ao humorista Carlos Blanco. O arousano, que se fixo popular pola súa interpretación de Ladislao na serie da TVG Mareas Vivas, leva máis de vinte anos triunfando cos seus monólogos, unha faceta que compaxina cos seus moitos traballos actorais en cine, televisión e teatro, así como os de presentador na televisión. Leva desta volta a Cedeira “A penúltima”. As entradas poden mercarse no portal Ataquilla a 16,20€.

Compra de entradas na seguinte ligazón:
https://entradas.ataquilla.com/es/ventaentradas/humor/426-auditorio-municipal-de-cedeira/x3ahcza4-a-penultima

Back to top