Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

OS MESES DE XULLO E AGOSTO SUPUXERON UN IMPULSO ÁS NOVAS ALTAS NA BIBLIOTECA MUNICIPAL LÓPEZ CORTÓN

A biblioteca municipal López Cortón rexistrou 68 novas altas durante os meses de xullo e agosto, un 23% máis que no mesmo período do ano anterior e coas que chegou a sumar 5.579 persoas socias. Son 121 máis que ao finalizar o ano 2023, co que prosegue a evolución positiva que ten este servizo desde que quedou atrás o parón da pandemia.

Incrementouse tamén durante estes dous meses o número de préstamos respecto ao mesmo período do ano anterior. Foron desta volta 2.259, fronte aos 2.025 de xullo e agosto de 2023, dos que 1.153 foron para persoas lectoras adultas e os restantes 1.106 de libros infantís. A maioría, 1974, foron volumes escritos en castelán e 285 en galego.

A tendencia positiva no uso da biblioteca López Cortón tamén quedou patente no número de persoas que acudiron ás instalacións para ler alí libros ou xornais e outras publicacións. Foron durante xullo e agosto deste ano 3.705 persoas fronte ás 3.240 dos mesmos meses do pasado 2023, un 14% máis.

Back to top