OITO ESTABLECEMENTOS HOSTALEIROS DE CEDEIRA SERVIRÁN DO VENRES AO DOMINGO AS SÚAS “TAPAS DE OUTONO”
Oito establecementos hostaleiros de Cedeira van concentrar o mellor da súa cociña nos petiscos do certame Tapas de Outono, que se desenvolverá do venres 3 ao domingo 5 e que, un ano máis, organiza o Concello para dinamizar o sector e poñer en valor o seu bo facer. As tapas incorporarán necesariamente, tal e como establecen as bases, ingredientes propios deste tempo e serviranse a 2,5€.
Gastrobar O Amanexo, O Mesón, Taberna Praza do Peixe, Galifornia, O Mástil, a Taberna do Jojó, Pizzería Sheriff e Cervexaría O Xermolo son os negocios que participan este ano no certame. As tapas serviranse na noite do venres, nos servizos de xantar e cea do sábado e o domingo ao mediodía.
O público que probe os petiscos exercerá de xurado, adxudicando nunha tarxeta que entregarán os locais tres, dous e un punto as tres tapas que máis lle agraden. Porén, terán que probar como mínimo cinco, e ter os correspondentes selos dos establecementos, para poder emitir o voto e participar no sorteo dunha cea para dúas persoas no establecemento gañador.
As bases establecen que os petiscos deberán empregar alomenos dous destes catro ingredientes: cabaza, cabaciña, castaña e setas. Gañará o local que sume máis puntos, ou que obtivera máis votos de tres puntos en caso de empate. Desde o Concello de Cedeira recoméndase probar as oito tapas, ainda que cada persoa poderá participar na votación cunha única tarxeta.