O CONCELLO DE CEDEIRA TERÁ UN MELLOR E MÁIS EFICIENTE SERVIZO DE RECOLLIDA DE LIXO E LIMPEZA VIARIA
O Concello de Cedeira aprobou no último pleno, por unanimidade dos tres grupos municipais, PSOE, BNG e PP, o expediente de licitación da recollida de residuos sólidos urbanos e da limpeza viaria, cun orzamento total de 8.717.591,30€ (IVE incluído) para un período de dez anos non prorrogables. A nova contratación destes servizos, sen dúbida dos máis importantes dunha administración local, vai supor a implantación dun sistema mellor e máis eficiente, entre outras cousas con máis frecuencias na retirada do lixo e coa ampliación da recollida separada, así como cunha renovación da maquinaria e os vehículos de limpeza, que incorporarán a recollida lateral.
As novas condicións representan unha sensible mellora na separación dos residuos: haberá diferentes contedores para biorresiduos (os novos colectores marróns), envases lixeiros, vidro, cartón/papel e a “fracción resto”, que é a que queda dos residuos domésticos despois da recollida selectiva dos anteriores (que habitualmente chamamos orgánica, ainda que esta denominación non é correcta). Farase tamén a recollida separada dos voluminosos e residuos de aparatos eléctricos e electrónicos. Aumentarán as frecuencias, que quedarán como sigue:
- Fracción resto: seis días na zona urbana e dous na rural cada semana, que aumentarán a sete e tres respectivamente durante a tempada alta (do 15 de xuño a 15 de setembro).
- Vidro: quincenal en todo o municipio, pasando a semanal na zona urbana en tempada alta.
- Cartón/papel: semanal nos contedores, pasando a dous días por semana na zona urbana durante a tempada alta. Tamén recollida porta a porta para comercios e empresas, dous días por semana.
- Biorresiduo: implántase a recollida desta fracción, cos contedores marróns con pechadura que xa adquirira o Concello a través dun programa de axudas con fondos Next Generation destinados a esta fin. A recollida realizarase dous días por semana, aumentando a tres en tempada alta.
- Plásticos agrícolas: establécense cinco puntos de acopio para que as persoas usuarias poidan depositar este tipo de plástico, que se recollerá catro veces ao ano.
- Voluminosos e residuos de aparellos electrónicos e eléctricos: incorporarase un camión novo de pequenas dimensións, con guindastre, e establecerase un rexistro de solicitudes para coordinar as rutas de recollida.
- Punto Limpo Municipal, móbil e de proximidade: o actual Punto Limpo Municipal, situado no polígono da Xunqueira, abrirá un día máis (2 horas) cada semana. Ademáis, a empresa adxudicataria xestionará o punto limpo móbil, que con frecuencia quincenal itinerará polas parroquias, e dous mini puntos limpos de proximidade.
O prego de condicións establece tamén 12 xornadas de servizo especial de recollida de lixo, que se activarán segundo as necesidades en festas e eventos, así como o servizo de guardia para evitar danos polo desprazamento de contedores durante os temporais.
En canto á limpeza viaria, o prego debuxa diferentes sectores da zona urbana e dispón os servizos de barrido manual e mecánico e de baldeo esixido en cada un en función da densidade de poboación, etc. As condicións teñen en conta as necesidades en tempada de caída de follas e a ubicacións dos contedores e papeleiras, e inclúen a limpeza de vexetación espontánea e as pintadas nas fachadas de edificios públicos. E do mesmo xeito que na recollida de lixo, establécense reforzos en festas, eventos, etc.
Para a mellora dos medios materiais, o expediente de licitación esixe a renovación dun 20% do parque de contedores de carga traseira e a compra de 355 colectores de carga lateral, que é o sistema que se vai implantar na recollida de envases lixeiros e da fracción resto na zona urbana e periurbana. O parque móbil incorporará un novo camión compactador para carga lateral, outro de carga traseira, un camión satélite de carga traseira para zonas de difícil acceso, un camión de caixa aberta con guindastre para voluminosos, unha varredoira, unha furgoneta e outro material complementario da limpeza viaria. Ademais, os vehículos de recollida irán equipados cun sistema GPS para o seu seguemento en tempo real, co obxectivo de verificar a realización de todas as rutas e puntos de recollida e poder optimizalas.
Os pregos contemplan o mantemento preventivo e correctivo dos contedores, así como a obriga de lavar trimestralmente os colectores de envases lixeiros e fracción resto e oito veces os de cor marrón.
A plantilla deberá cubrir o equivalente a 14,07 operarios equivalentes (xornadas completas) e a nova empresa adxudicataria terá a obriga de subrogar ao persoal actual.