Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA SOLICITA AXUDAS PARA PROMOVER A RECUPERACIÓN DE TRES LAVADOIROS DA ZONA RURAL

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira aprobou solicitar unha axuda do programa de corrección de impactos paisaxísticos do Instituto de Estudios do Territorio para levar adiante a recuperación dos lavadoiros do Beco, Malde e Tilde, situado o primeiro na parroquia de San Cosme de Piñeiro e os outros dous na de Santa María de Régoa. O proxecto ten un orzamento de 29.205’92€ (IVE incluído) e significará un paso máis no programa de rehabilitación deste tipo de elementos da arquitectura popular, testemuñas da vida social e os traballos cotiás doutros tempos.

Tanto a construción do Beco como a de Malde son fontes e lavadoiros, mentres que a de Tilde é exclusivamente lavadoiro. Os tres presentan un estado avanzado de abandono e gran parte das súas estruturas están cubertas pola vexetación, coas súas canalizacións tupidas e mesmo sen auga nalgún caso. As obras incluirán limpar e rozar de maleza todas as construcións, así como a reparación das fendas e a sustitución dos elementos deteriorados, entre eles os caños.

O goberno local de Cedeira avanzou chanzo a chanzo na última década neste programa de recuperación das fontes e lavadoiros, elementos moi importantes historicamente na vida da xente, espazos de encontro e tamén de traballo, que caeron no abandono. Acudindo en varias ocasións ao mesmo programa de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos executáronse xa as obras de rehabilitación das fontes das Saíñas, Fernando Lago, do Areal, da Barca, Vilar, Vila do Río, Penela e Peneiro.

Back to top